O Concello distribúe 64.200 euros entre as entidades que traballan no territorio

0

A comisión avaliadora das axudas para Cultura e Deportes, da que forman parte os tres grupos políticos con representación municipal, deulle o visto e prace por unanimidade á proposta técnica de reparto das subvencións deste 2017. En total distribuiranse 18.000 euros, 13.000 destinados a nove entidades veciñais e culturais e 5.000 a seis clubes deportivos, ademais de reservar outros 3.000 para colaborar coas comisións de festas. Porén, cómpre lembrar que estas non serán as únicas partidas económicas dirixidas este ano ao fomento da actividade asociativa ou deportiva, posto que Concello suscribiu convenios de colaboración co Aldebarán de Volei, co CF San Sadurniño, con Biela e Chaveta, coa ANPA do CPI, coa AGFA do Eume, coa asociación agroecolóxica A Cortiña e con AGA-Ferrolterra, que supoñen outros 41.200 euros.

A proposta de subvencións para actividades culturais e deportivas -e tamén para equipamento no caso de entidades con local propio- pasou sen obxeccións a comisión avaliadora formada por persoal técnico e representantes do BNG, do PP e do PSdeG-PSOE. A concesión aprobouse por resolución da alcaldía seguindo o informe elaborado polo técnico municipal de Cultura e Deporte de acordo cos criterios de puntuación establecidos nas bases da convocatoria, que obtiveron o apoio no pleno dos tres grupos municipais.

A actividades culturais destínanse un montante total de 18.000 euros divididos en tres partidas: 13.000 para actividades (máximo 4.000 euros de axuda), 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope de 300 euros por cada unha.

As nove entidades beneficiarias tiveron que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois foron avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. Como novidade cómpre reseñar o incremento da valoración relativa a actividades de recuperación do patrimonio material e inmaterial, etnográfico, tradicional ou musical, que pasaron de 0,1 a 1,5 puntos. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data.

Trala resolución da concesión de axudas -e despois de executar as actividades-, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

En referenza ás axudas para entidades hai que ter en conta que, a maiores, o Concello tamén reservou nos orzamentos deste ano unha partida para repartir a través de convenios que, no caso de Cultura e Desenvolvemento local, se distribuirán do seguinte xeito: 4.000 euros para a ANPA do CPI, 3.500 para a AGFA do Eume -que xestiona a horta de froiteiras do país-, 1.500 para a AGA e 1.200 para a asociación agroecolóxica A Cortiña.

Axudas para Deportes
No caso das axudas a entidades deportivas o importe global que se repartiu é de 5.000 euros, aínda que cómpre ter en conta que varios clubes terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei -18.000 euros-, o C.F. San Sadurniño -12.000- e o Clube ciclista Biela e Chaveta, cun convenio de 1.000 €. Trátase dunha colaboración directa enfocada ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello.

Os outros seis clubes que solicitaron subvencións percibirán unha cantidade para gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas primaron o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais.

Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude, unha novidade introducida na convocatoria para este ano coa que se equipara o criterio de xustificación ao do apartado cultural, onde xa viña aplicándose desde hai anos.

 

AXUDAS CULTURA
Entidade Axuda actividades Axuda infraestrutura (*) Total subvención
O Castelo de Narahío

4.039,18 €**

1.000 €

5.039,18 €

Xuntanza de Lamas

1.897,92 €

1.897,92 €

Adiante Igrexafeita

989,51 €

1.000 €

1.989,51 €

Confraría San Pipote

1.330,17 €

1.330,17 €

AC Cosuma Conciencia

973,29 €

973,29 €

A.C.R.D. Sta. Mariña do Monte

1.313,95 €

1.313,95 €

A.C. Brío

1.223,10 €

1.223,10 €

Cabaleiros de Santa Mariña

194,65 €

194,65 €

ANPA EIM A Rolada

1.038,18 €

1.038,18 €

Comisións de Festas (convocatoria aberta todo o ano, máx. 300 €/c.u.)

3.000,00 €

Total:

12.999,95 € 2.000,00 €

17.999,95 €

(*) Concesión unicamente a entidades que posúen local propio ou en alugueiro

(**) Percibirá o tope máximo establecido na convocatoria, que ascende a 4.000€

AXUDAS DEPORTE

Entidade

Total subvención

UDC Narahío

2.335,00 €

Club Deportivo Brío

1.658,00 €

S.Caza Naraío-Igrexafeita

424,00 €

Club Deportivo Oitomil Aventura

69,00 €

Club Sansa

234,00 €

FS Santa Mariña do Monte

280,00 €

Total:

5.000,00 €

CONVENIOS

C.V. Aldebarán

18.000,00 €

C.F. San Sadurniño

12.000,00 €

ANPA CPI San Sadurniño

4.000,00 €

AGA Ferrolterra

1.500,00 €

Club MTB Biela e Chaveta

1.000,00 €

Asociación Agroecolóxica A Cortiña

1.200,00 €

AGFA do Eume

3.500,00 €

Total convenios:

41.200,00 €

Total subvencións + convenios:

64.199,95 €

 

Share.