O Concello destinará os 72.812 € do Plan de camiños da AGADER ao aglomerado e asfaltado na zona da Abelleira e Racamonde

0

O Diario Oficial de Galicia publicou a principios deste mes de marzo o reparto dos fondos do Plan de mellora de camiños rurais 2023-24 da AGADER. A San Sadurniño correspondéronlle preto de 73.000 euros de achega que se destinarán a continuar mellorando a rede viaria da zona máis elevada do municipio. Neste sentido, o Goberno local xa encargou o proxecto para renovar o firme entre o cruzamento da Grúa -no límite coa Capela- e núcleo da Abelleira, en Naraío, ademais de reparar a pista que vai desde alí até o lugar de Racamonde. O investimento total está cuantificado en algo máis de 88.000 euros. 

O proxecto, neste momento en fase de redacción, tentará acomodar ao orzamento dispoñible o aglomerado da estrada municipal que conecta o desvío da Grúa coa Abelleira, así como a reparación -tamén con firme aglomerado- da pista pola que se serven as vivendas deste último lugar.  A execución desta obra virá darlle continuidade a outras actuacións efectuadas nos últimos anos na banda sur do Concello de San Sadurniño, co obxectivo e darlle maior ancho e durabilidade a todos os tramos que conectan o fondo de Naraío co límite da Capela.

Neste sentido, desde 2020 leváronse a cabo os treitos Eirexado-Lourido, Lourido-Quintiá e Quintiá-Cruzamento da Grúa. É dicir, 4,6 quilómetros de percorrido aos que agora se lle van sumar outros 1.100 metros co mesmo firme. Ademais, dentro deste proxecto tamén se contempla a reparación integral -neste caso con asfalto- da pista que vai desde A Abelleira ata Racamonde de Arriba (cerca de 1,5 km), seriamente danada en varios puntos.

Estas melloras viarias, orzamentadas en 88.200 euros,  non serán as únicas na zona. Con cargo a fondos provinciais  tamén se van asfaltar outras pistas que enlazan co eixo A Grúa-A Abelleira: son a do Lugar do Monte (870 m), a pista do Pousadoiro (1.290 m) e un tramo de 300 metros en Racamonde de Abaixo. O investimento previsto nestoutro paquete viario é de 74.742,84 euros, e nel inclúese a reparación do camiño de Solposto (730m), en Igrexafeita, e un tramo interior de 90 metros en Lourido, en Naraío.

 

Share.