O Concello destina 40.000 euros a bolsas escolares e axudas á conciliación na EIM “A Rolada”

0

Ata o día 9 de abril poderán presentarse as solicitudes das bolsas escolares e tamén das axudas para gastos de conciliación na escola infantil municipal. A partida total ascende este ano a 40.000 euros, que se distribuirán do seguinte modo: 33.000 euros serán para axudas ao estudo, dos cales 16.000  se reservan para estudos obrigatorios, outros 16.000 para os postobrigatorios e, por primeira vez, 1.000 euros para o 2º ciclo de Educación Infantil. No caso das axudas para sufragar gastos dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar prestados na Escola Infantil Municipal “A Rolada” establécese un crédito de contía máxima de 5.000 euros. Os 2.000 euros restantes serán para atender posibles casos de situacións socioeconómicas especiais, previo informe social. As bases da convocatoria publicáronse hoxe no BOP dando un prazo de 30 días naturais contado a partir de mañá para facer o trámite.

As contías máximas que se poderán percibir varían dependendo do tipo de axuda que se solicite, que será compatible coas demais e tamén coas concedidas por outras administracións. Así, nas convocadas para o 2º ciclo de Educación Infantil o tope son 100 euros por nena ou neno e no apartado de estudos obrigatorios marcouse unha cantidade fixa de 200 euros para todas as solicitudes que cumpran os requisitos (un deles é o de ser beneficiario/a dos 50€ que dá a Xunta dentro do fondo solidario de libros). No caso das bolsas para estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- o importe máximo por solicitude será de 800 euros. A axuda máxima para gastos de conciliación na EIM “A Rolada” estipulouse en 1.500 euros.

O resume por apartados é o seguinte:

Bolsas escolares para 2º de Educación Infantil 
Fai falla que o neno ou nena estea matriculada en 2º de Educación Infantil no CPI de San Sadurniño ou noutro colexio dun concello limítrofe, sempre e cando estean empadroados en San Sadurniño no momento de solicitar a axuda. A renda familiar non pode superar os 9.000 euros e a bolsa será de ata 100 euros por alumna/o que cumpra os requisitos, tendo en conta que se dará máis puntuación (máximo 5 puntos) cantas máis persoas formen parte da unidade familiar.

Bolsas escolares para estudos obrigatorios 
Dirixidas a alumnado que curse Primaria ou ESO en San Sadurniño ou nalgún municipio limítrofe. Tamén é necesario estar empadroado/a en San Sadurniño e, ademais, percibir as axuda establecida na orde do 12 de maio de 2020 da Consellaría de Educación, referida ao fondo solidario para libros. Isto último acreditarase mediante un certificado expedido pola dirección do centro. Neste caso a axuda é de 200 euros e nas bases non se marcan requisitos de renda, xa que son os mesmos que dán dereito ao fondo solidario de libros da Xunta.

Bolsas escolares para estudos postobrigatorios
Destas axudas poderán beneficiarse os alumnos e alumnas que cursen estudos postobrigatorios regrados -bacharelatos, ciclos formativos, estudos universitarios oficiais de grao e de terceiro ciclo- en centros públicos fóra de San Sadurniño pero dentro do territorio de Galicia. Para acceder á bolsa será necesario estar empadroado/a, ter matrícula no curso completo -agás estudos universitarios, onde o mínimo será o 50% dos créditos- e o umbral da renda anual da unidade familiar non deberá superar os 18.000 euros. A concesión valorará dúas cuestións: nivel de renda e cualificacións, é dicir, máis puntos cantos menos recursos económicos e tamén canto mellor sexa o expediente académico. A bolsa poderá chegar até os 800€ por solicitude.

Axudas para gastos por servizos de conciliación na EIM “A Rolada” 
Para poder percibir estas axudas –máximo 1.500 euros– serán requisitos imprescindibles, entre outros, que as nais, pais, titores legais ou familias acolledoras estean empadroadas en San Sadurniño, que a renda anual da unidade familiar no supere os 25.000 euros e que non sexan beneficiarias da gratuidade do servizo por segundo fillo/a. A cantidade concedida non poderá superar o 50% dos gastos anuais efectivamente realizados e xustificados -puntuarase segundo as tarifas soportadas-, que deberán corresponderse co curso 2020-2021 da EIM “A Rolada”.

As bases e a convocatoria saíron publicadas no BOP deste 10 de marzo, dando un prazo de solicitude de 30 días naturais contados a partir do día seguinte á data de publicación. Dito doutro xeito: o último día para presentar as solicitudes é o venres 9 de abril. 

O trámite pode facerse presencialmente no Rexistro Municipal ou presentando a documentación requirida como unha solicitude xenérica a través da Sede Electrónica.

Documentación descargable:
Bases da convocatoria (pdf)
ANEXO I (.odt) e (.doc)
ANEXO II (.odt) e (.doc)
ANEXO III (.odt) e (.doc)

Share.