Co remate do ano volve o calendario de xuntanzas polas parroquias para pulsar as demandas e necesidades que queira expresar a veciñanza, co obxectivo de poder incorporar ao orzamento municipal aquelas que sexan competencia do Concello e que, ademais, sexan factibles con recursos propios ou acudindo ao financiamento doutras Administracións. As reunións desenvolveranse nas primeiras semanas de decembro e tamén servirán para falar sobre o estado xeral do territorio e do funcionamento da Administración local.
Todas as asembleas veciñais están postas para as 19:30h e desde o Concello prégase a máxima puntualidade para non demorar o seu comezo nin meterse na noite máis da conta. Tamén é importante levar ben meditadas as iniciativas que se queiran presentar na asemblea, procurando que sexan verdadeiramente necesarias, que beneficien ao maior número posible de persoas e que sexan asumibles cos recursos que ten o Concello ao seu alcance.
Desde a Concellaría de Participación veciñal lémbrase que non todo teñen por que ser obras e infraestruturas, senón que tamén hai cabida para suxerir outro tipo de actuacións -culturais, deportivas, dirixidas ás persoas maiores, etc.- que axuden a reforzar as programacións e servizos municipais ou ao desenvolvemento integral de San Sadurniño.
Ademais, os encontros tamén terán como finalidade falar sobre a situación xeral do territorio e da Administración local, abordando temas como o tratamento do lixo, a xestión forestal e outros de interese xeral.
O Concello enviou a través do boletín impreso “Novas de San Sadurniño” a información sobre o calendario previsto. Nel hai un pequeno cambio, posto que a reunión de Lamas, prevista para o 12 de decembro, pásase para o día 13.
- Martes 3 de decembro, Santa Mariña do Monte
- Mércores 4 de decembro, Bardaos
- Xoves 5 de decembro, Naraío
- Martes 10 de decembro, Ferreira (local da Seara)
- Mércores 11 de decembro, Igrexafeita
- Venres 13 de decembro, Lamas (local do Chao)
- Mércores 18 de decembro, San Sadurniño (Casa da Xuventude)
- Xoves 19 de decembro, Camiño Arriba (local social)