O Concello demanda da Consellaría de Infraestruturas máis melloras na AC-862 ao seu paso por San Sadurniño

0

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse esta mañá a Cerdido acompañada da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, para dar por inaugurada a primeira fase do proxecto de ampliación da estrada de Ortigueira entre San Sadurniño e Ponte Mera. O tramo, que xa está aberto desde hai uns meses, cobre os 17,5 quilómetros comprendidos entre o acceso ao campo de fútbol dos Currás e o Campo do Hospital, o que supón o 85% dunha actuación cuxa seguinte fase comezará previsiblemente nesta primavera de cara a completar os 3 quilómetros que faltan desde ese punto até Ponte Mera. Ao acto convocado pola consellaría acudiron rexedores e representantes municipais dos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Ortigueira. O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, aproveitou o encontro para recordarlle á titular autonómica de Infraestruturas dúas demandas pendentes de solución, relacionadas tamén con melloras na AC-862: a construción dunha pasarela na ponte sobre o Xubia e o pintado do paso peonil na rotonda do Outeiro.

A primeira das demandas vén xa de vello e refírese á necesidade de darlle máis ancho á beiravía da ponte da estrada de Ortigueira en Cornide, co obxectivo de que se adapte á normativa sobre accesibilidade. E é que nestes momentos a separación entre a varanda e a bionda de protección non permite o paso de cadeiras de rodas ou de persoas con mobilidade reducida.

“Comentei outra vez o problema coa conselleira e coa delegada da Xunta en Ferrol. Con esta xa van tres veces desde 2020 e esperamos que á terceira vaia a vencida e que desta vez lle dean unha solución, que para nós é máis urxente que outras actuacións previstas como por exemplo o estacionamento disuasorio que queren construír na Casanova”, explica Secundino García.

O rexedor local tamén reclamou o pintado do paso peonil na rotonda do Outeiro “que xa vai totalmente borrado do chan” e que a Consellaría se comprometera a restaurar cadrando coa execución da sinalización horizontal da vía inaugurada hoxe. “É algo moi urxente que leva agardando meses”, indica García Casal referíndose ao paso de cebra e recordando ao mesmo tempo que a mellora da seguridade da estrada de Ortigueira ao seu paso polo centro urbano de San Sadurniño, incluída a confluencia con Marqués de Figueroa, “é  unha materia que a Xunta debe estudar e solucionar de inmediato. Por esta zona pasan diariamente moitos vehículos lixeiros e tráfico pesado, e tamén hai moito movemento de persoas que cruzan a estrada a pé para facer xestións no Concello ou que se incorporan en coche desde a avenida, ás veces en condicións de moi mala visibilidade”.

Desde o Goberno local confían en que, trala conversa mantida hoxe con Ethel Vázquez e Martina Aneiros, o acondicionamento do paso peonil do Outeiro “quede listo en cuestión de días” e que, ademais, a Xunta “se comprometa coa mellora integral da seguridade da travesía polo centro de San Sadurniño”.

Inaugurada a 1ª fase da mellora do trazado San Sadurniño-Ponte Mera
O encontro informal entre Secundino García e a conselleira produciuse no transcurso do acto inaugural da primeira fase de mellora da estrada AC-862, dividida en catro tramos que suman un total de 17,5 quilómetros de distancia, xusto desde a saída do Outeiro, en San Sadurniño, até o Campo do Hospital, en Cerdido.

O proxecto centrouse na rectificación de curvas e no dimensionamento da vía para dotalo dun terceiro carril de subida en distintos puntos. Ademais, no caso de San Sadurniño tamén supuxo o redeseño da incorporación á pista de entrada e saída da área recreativa dos Currás, xunto coa conexión -mediante unha gabia transitable- coa beirarrúa norte do núcleo do Outeiro.

Segundo informou a Xunta de Galicia, na primavera comezará a executarse a segunda fase da remodelación da estrada de Ortigueira entre o Campo do Hospital e Ponte Mera. Pouco máis de 3 quilómetros nos que se investirán arredor de 7,5 millóns de euros co obxectivo de eliminar ou ampliarlles o radio a un total de 13 curvas, dotar o trazado de cunetas de seguridade e habilitar terceiros carrís. O prazo de execución das obras é de 18 meses.

Share.