O Concello de San Sadurniño reclama información sobre a súa declaración como Zona Vulnerable por Nitratos

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, solicitoulle este luns á Consellería do Medio Rural os datos e informes que xustificarían a inclusión do noso concello -xunto con Moeche e Valdoviño- nunha nova Zona Vulnerable por Nitratos. Unha caracterización ambiental que, de ir adiante, obrigará a adoptar restricións no uso de fertilizantes e a aplicar prácticas agrarias máis controladas para evitar a contaminación dos acuíferos. O Concello xa solicitara esta información na reunión mantida o pasado 25 de febreiro co Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, pero ante a falta de resposta, vén de cursar  unha petición formal. A administración local reclama “transparencia” para poder contrastar os resultados e explicarlle os efectos da medida á veciñanza e, en especial, ao sector agrogandeiro por ser este último o máis afectado. 

A normativa que regula os nitratos en Galicia está baseada na Directiva 91/676/CEE da Unión Europea, coñecida como a Directiva de Nitratos, así como na súa transposición á lexislación estatal e autonómica. Esta normativa busca previr a contaminación das augas causada polos fertilizantes de orixe agraria, establecendo medidas como a delimitación de zonas vulnerables, a restrición do uso de determinados fertilizantes e a elaboración de plans de acción para reducir o impacto ambiental.

Ser declarada ZVN implica que os agricultura e gandeiría da zona deberán adaptar as súas prácticas, reducindo ou limitando o uso de certos fertilizantes e aplicando plans de xestión máis rigorosos para evitar a acumulación de nitratos nos acuíferos. Na práctica suporía non sobrepasar a ratio de 170 quilos de abono nitroxenado por hectárea e ano, que o sector agrogandeiro considera pouco menos que inviable para manter a produción alternando herba e maínzo.

De acordo co proxecto da Xunta, San Sadurniño, Moeche e Valdoviño sumaríanse así a outros concellos galegos situados en zonas de intensificación agrogandeira -como é o caso da Limia coa pataca, o Salnés coas vides ou as comarcas gandeiras do oeste e centro da provincia da Coruña-, aínda que aquí, onde a cabana gandeira se reduciu considerablemente nas últimas décadas, “o problema de fondo quizais non sexa o gando senón outro, é algo que non sabemos”, comenta Secundino García, “e no caso de que o sexa, posiblemente se trate de situacións puntuais que se poden corrixir e que non deberían penalizar a todo o concello”, engade.

Por este motivo, o  Concello de San Sadurniño esíxelle á Xunta de Galicia o envío de toda a información que levou á súa declaración como zona vulnerable por nitratos (ZVN). En concreto pídenselle ao Goberno galego os datos sobre os lugares en que se tomaron as mostras, quen se encargou das analíticas, os resultados das mesmas e calquera outro informe dispoñible.

Esta demanda xa se lle expresou ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na reunión á que asistiron os concelleiros Manolo Beceiro e Araceli Bellas o pasado 25 de febreiro, cando se anunciou que os tres municipios de Ferrolterra ían formar parte da nova catalogación ambiental. A Dirección Xeral comprometeuse daquela a remitir esta documentación con rapidez, pero tras case tres semanas sen recibir resposta, o Concello optou por enviar unha petición formal reiterando a súa solicitude.

O alcalde Secundino García Casal subliñou a importancia de acceder a esta información para poder explicarlle á veciñanza, sobre todo ao sector agrogandeiro, os motivos desta clasificación e os efectos que pode ter para o municipio. Desde o Concello consideran que “a transparencia é fundamental”, especialmente tratándose dunha cuestión ambiental que pode ter “repercusións para o sector primario e a calidade das augas”.

A este respecto, o alcalde pide que a Xunta sexa o máis precisa  posible nas súas actuacións: “se hai algún problema ambiental nunha zona concreta, Medio Rural debe destinar recursos a localizar o foco e erradicalo, evitando prexudicar outros sitios onde o problema non existe. Todas e todos temos un compromiso co coidado do ambiente e somos conscientes do perigo que supón a contaminación por nitratos, pero tamén hai que poñer na balanza ás familias que viven do agro e aplicar as medidas con moita precisión e cun rigor técnico moi escrupuloso”.

 

 

Share.