O Concello convida ás familias a participar no programa de acollemento temporal Vacacións en Paz

0

O Concello de San Sadurniño volve facer neste 2026 un chamamento á veciñanza para colaborar co programa Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí (AGASPS) co obxectivo de que as nenas e nenos saharauís poidan pasar os meses de xullo e agosto afastados das duras condicións dos campamentos de persoas refuxiadas no deserto. Neste sentido, búscanse  familias acolledoras que lles ofrezan durante o verán un fogar temporal, atención, convivencia e unha contorna segura. O programa permite que os e as menores escapen das temperaturas extremas dos meses máis colorosos, cando chegan a superarse os 45ºC, e que accedan a unha alimentación equilibrada e revisións médicas. Desde a área municipal de Educación Familiar destacan a importancia dunha experiencia “humana e solidaria” que pode marcar a vida destes nenos e nenas e que tamén pode ser “moi enriquecedora” para as familias acolledoras. Para sumarse ao programa hai que contactar coa AGASPS no correo asociacionsogaps@yahoo.es ou no teléfono 669 078 725.

A campaña preséntase este ano baixo o nome “Por unha infancia libre” como un chamamento urxente á solidariedade ante a necesidade de atopar novas familias acolledoras para rapazada procedente dos campamentos saharauís situados no deserto alxeriano, onde a poboación refuxiada vive en condicións moi difíciles e con recursos limitados, sademais de seren persoas desprazadas fóra da súa terra despois de que Marrocos ocupase hai máis de medio século os territorios da antiga colonia española.

A través de Vacacións en Paz, os rapaces e rapazas teñen a oportunidade de convivir durante dous meses con familias galegas, coñecer outras realidades e mellorar a súa saúde e benestar. Desde SOGAPS lembran que acoller “non é adoptar”, senón compartir unha experiencia temporal baseada no afecto, a convivencia e o intercambio cultural.

O Concello de San Sadurniño volve apoiar esta iniciativa solidaria facendo un chamamento ás familias do municipio para que se sumen a Vacacións en Paz. A este respecto, Secundino García Casal destaca que  “o feito de acoller pode ter unha grande repercusión na vida destes menores, que durante o resto do ano viven nun contexto marcado pola precariedade, as condicións extremas do deserto e, aínda que as nenas e nenos non o noten tanto, tamén por un ambiente de desesperanza tras décadas agardando unha solución ao problema do Sáhara”.

Vacacións en Paz leva décadas desenvolvéndose en Galicia grazas á colaboración de centos de familias e entidades locais. Máis alá da estancia estival, o programa busca fortalecer os lazos de solidariedade co pobo saharauí e sensibilizar á sociedade sobre a realidade que viven milleiros de persoas desprazadas a raíz da ocupación Marroquí da súa terra tralo abandono da colonia por parte de España. “Para moitos dos nenos e nenas participantes, estas semanas representan unha oportunidade única para descansar, recibir coidados e vivir experiencias difíciles de imaxinar nos campamentos”, engade o rexedor.

Desde a organización e o Concello fan fincapé en que acoller un menor saharauí durante o verán supón tamén unha experiencia enriquecedora para as propias familias. A convivencia, o intercambio cultural e os vínculos afectivos que se crean ao longo destes dous meses “converten cada edición de Vacacións en Paz nun exemplo de solidariedade e compromiso social”.

O programa conta cun seguimento continuo e ofrece apoio ás familias participantes para garantir que a experiencia se desenvolva de maneira axeitada. Desde a entidade insístese en que as persoas acolledoras non estarán soas durante o proceso e recibirán asesoramento e acompañamento en todo momento.

As familias interesadas en participar no programa de acollemento poden poñerse en contacto directamente coa AGASPS a través do correo electrónico asociacionsogaps@yahoo.es ou do teléfono 669 078 725 para recibir máis información sobre os requisitos e o funcionamento de Vacacións en Paz.  Ademais, as persoas interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación Familiar para informarse sobre este programa, pero tamén sobre os acollementos de máis longa duración xestionados pola Xunta de Galicia e outros colectivos sociais para atender a rapazada e mocidade que poida atoparse en calquera circunstancia de desprotección familiar.

 

Share.