O Concello contratará unha persoa con carácter temporal a través do programa APROL Rural

0

A San Sadurniño correspondéronlle este ano 13.970 euros do programa APROL Rural convocado pola Xunta para favorecer o emprego a través da contratación durante 9 meses de persoas traballadoras desempregadas que fagan  tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios. Neste sentido, o Concello xa ten listas as bases para efectuar o correspondente proceso selectivo dunha persoa coa categoría de oficialía forestal, que se fará solicitándolle ao Servizo Público de Emprego de Galicia un listado de candidatas e candidatos que cumpran os requisitos e cun perfil laboral axeitado á convocatoria.

Sempre que se lanzan ofertas temporais de emprego coma esta do Aprol, o Concello insiste en que se debe ter ao día a tarxeta de demandante de emprego e que, ademais, tamén se teñan sinalado no SPEG os tipos de traballos que cadren co posto ofertado pola Administración local en cada momento, de acordo co listado Código Nacional de Ocupación da Seguridade Social. Nese listado aparecen descritas case todas as profesións cos seus números clave, que son os que nos pon na ficha o servizo de emprego cando nos inscribimos como demandantes.

É dicir, se por exemplo a oferta é para un contrato de Oficial forestal -como é o caso- e a nosa inscrición no SPEG é co código 6410 “Traballadores/as cualificadas en actividades forestais e do medio natural”, teremos case todas as garantías de que o servizo público de emprego nos inclúa no listado de persoas preseleccionadas que poderán participar no proceso selectivo.

O posto financiado polo APROL Rural cubrirase mediante un contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral de 9 meses de duración a xornada completa, cun salario bruto mensual -pagas extras xa prorrateadas- de 1.315,79 euros.

O perfil que se buscará é o dunha traballadora ou traballador que faga tarefas de limpeza en vías municipais e rozas en espazos públicos, como parte dos labores de prevención de incendios en faixas de protección secundarias.

Unha vez que o SPEG envíe a relación de aspirantes, o Concello fará os chamamentos e levarase a cabo entre eles e elas un proceso selectivo mediante concurso oposición. Na fase de concurso farase a valoración das circunstancias persoais de cada aspirante. Entre outras estarían a de ser menores de 30 anos ou maiores de 45 en situación de desemprego, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, ter esgotado as prestacións, non percibir subsidios nin rendas non contributivas, ter algunha discapacidade recoñecida, pertencer a colectivos desfavorecidos, etc.

Na parte correspondente á oposición haberá unha proba que pode ser escrita ou oral sobre coñecementos do posto que se vai desenvolver, sobre o territorio municipal ou sobre medidas de seguridade básicas para o uso de maquinaria e ferramentas. Debido ás características do posto ofertado, o tribunal tamén pode propor unha proba práctica para verificar que se saben utilizar rozadoiras mecánicas ou motoserras, por tratarse de aparellos habituais no desempeño deste tipo de traballos.

En calquera caso, as bases da selección estarán dispoñibles para consulta no momento en que se curse ao SPEG a petición do listado de persoas aspirantes, que o Concello agarda facer nos próximos días.

O contrato que se formalice con cargo ao APROL Rural sumarase aos outros tres de carácter temporal financiados polo PEL Reactiva da Deputación da Coruña, cos que xa están traballando -durante 6 meses- un condutor da maquinaria municipal, un carpinteiro e un peón.

 

Share.