Aínda que os investimentos na rede viaria de San Sadurniño se financian principalmente con fondos procedentes da Deputación da Coruña, o Concello tamén se acolle ás convocatorias de Medio Rural para a reparación de camiños de titulariedade municipal e en zonas de concentración parcelaria. Estas dúas liñas, cofinanciadas con cartos procedentes de Europa e do Estado, permitiron este ano levar a cabo proxectos por un valor cercano aos 250.000 euros. Actuacións xa adxudicadas e executadas practicamente ao cento por cento nas últimas semanas que suman máis de 8 quilómetros de pistas municipais de San Sadurniño, Santa Mariña, Bardaos, Lamas e Igrexafeita.
O primeiro dos proxectos que se acolleu ás axudas para pistas onde xa se completase a concentración parcelaria agrupou eixos de Lamas, San Sadurniño e Bardaos. O de maior distancia, algo máis de 1,1 quilómetros, foi o asfaltado do trazado entre Ramil e o Chao de Lamas, seguido preto de alí da nova pavimentación da pista de Prospes, de 966 metros. Dentro deste paquete entraron tamén outros 340 metros dun camiño na Bañoca, en Bardaos, aínda que neste caso se botou unha nova capa de saburra compactada. O importe total dos traballos, ascendeu a 51.304 euros, IVE incluído.
O segundo dos proxectos, no que se investiron outros 49.201,96 euros -impostos incluídos-, ocupouse de mellorar a comunicación da Pardiñeira e o Carbeiral, cunha distancia de 507 metros, e da reparación dunha pista de 541 metros no lugar da Sanguiñeira, ambas en Bardaos. Nas obras incluiuse tamén o enlace entre as Leiras e Vilela, en Lamas, sobre unha distancia de 1.049 metros.
O terceiro grande proxecto viario acollido ás axudas autonómicas cofinanciadas polo FEADER dirixiuse a camiños das concentracións de Santa Mariña e San Sadurniño. Foron tamén tres: o eixo Calvelas, Corripa e a Lobeira, de 1,4 quilómetros; a pista de Vilachá (340 metros) e o camiño de Pontellas, de 354 metros. Neste caso o importe da obra situouse en 62.315 euros, IVE e outros gastos incluídos.
Os tres proxectos foron executados en agosto pola empresa José No Mantiñán e Hijos por un montante total cercano aos 163.000 euros, financiados polo Concello -que asume a parte correspondente ao IVE, a redacción do proxecto e a dirección da obra-, así como por Medio Rural -o 17,5%-, o Ministerio de Agricultura -o 7,5%- e polos fondos europeos FEADER, que supoñen o 75% do orzamento elixible aprobado na solicitude.
Aglomerado O Cando-Pena da Meda
Ademais do programa para reparar pistas en zonas de concentración parcelaria, o Concello tamén se beneficia do plan de camiños municipais da AGADER, financiado igualmente con achegas autonómicas, estatais e europeas, ademais da participación municipal na parte correspondente ao IVE.
Neste caso o investimento total ascende a 84.942 euros, impostos incluídos, destinados ao aglomerado do tramo que enlaza a Pena da Meda co lugar do Cando, en Igrexafeita, sobre unha distancia de 1.170 metros, ademais de asfaltar unha pista adxacente que conecta co Couce.
O proxecto, finalizado hai tan só uns días, permitiu completar a pavimentación de todo o eixo que vai desde a antiga estrada das Pontes até o lugar do Castro, posto que a outra metade da pista -a que sobe desde o Cando até o Forgoselo- xa se reparara co mesmo tipo de firme en 2020.
Dentro desta contrata, da que tamén se encarga José No Mantiñán e Hijos, está previsto o asfaltado doutros 250 metros no núcleo da Curuxa e de 255 no lugar do Rupiallo, ambos en San Sadurniño. As obras de reparación deberán agardar, porén, a que antes se execute o soterrado das tubaxes de ampliación do abastecemento de auga aos lugares da Curuxa e Gunduriz, onde se investirán 34.000 euros do Fondo Ambiental.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, destacou que os proxectos executados nas últimas semanas “supoñen a mellora de 8,2 quilómetros da rede viaria de San Sadurniño, Igrexafeita, Santa Mariña, Lamas e Bardaos”. García Casal insiste en que o Concello “garante o equilibrio territorial dos investimentos” e que, nese sentido, dentro do POS+ provincial tamén están xa en marcha as obras en nove pistas que abranguerán “outros 5,4 quilómetros de tramos municipais en Ferreira, Naraío, Igrexafeita, Santa Mariña e Bardaos”.