23.496,20€. Ese é o importe total que o Concello de San Sadurniño acaba de distribuír en forma de axudas entre un total de 120 rapazas e rapaces do municipio que estudan desde segundo ciclo de Educación Infantil até estudos universitarios e outros postobrigatorios. As achegas, dependendo do tramo educativo, situáronse entre os 100€ que percibiu cada unha das solicitudes beneficiarias das bolsas para Infantil e os 798€ da máxima concedida en estudos postobrigatorios. Contías que, segundo o Goberno local, “contribúen a facer máis levadeiros os gastos primeiros compases do curso”. O executivo destaca, ademais, o “importante investimento” municipal nas familias e no ensino, cualificándoo como un dos máis altos de Galicia en relación coa dispoñibilidade orzamentaria do Concello, sobre todo se se ten en conta que, a maiores, o consistorio tamén cofinancia a gratuidade da Escola Infantil Municipal.
A partida económica prevista nas contas deste ano para axudas ao estudo ascendía a un total de 25.000 euros, distribuídos en tres partidas: 1.500 euros para 2º Ciclo de Educación Primario (San Sadurniño é dos poucos concellos con bolsas para a rapazada máis pequena), outros 10.750 euros para estudos obrigatorios e 12.350 euros destinados aos estudos postobrigatorios. A maiores destas tamén se reservaban 400 euros para casos específicos.
Así, no primeiro tramo, cunha contía máixima de 100 euros, rexistráronse dez solicitudes das que finalmente se beneficiaron das bolsas un total de catro, mentres que as outras seis foron rexeitadas por non cumprir cos criterios establecidos nas bases.
No apartado de estudos obrigatorios distribuíuse o total dos fondos –10.750 euros– entre 92 solicitudes que, como principal requisito, debían ser perceptoras do cheque para material escolar da Xunta. De feito, non cumprir con este aspecto foi o motivo de rexeitar cinco das peticións. As que si accederon á axuda levaron 116,85€ cada unha, resultado de prorratear entre elas a partida económica total.
Por último, o Concello tamén outorgou a totalidade dos 12.350€ dispoñibles para os estudos postobrigatorios en centros públicos de bacharelato, ciclos formativos, graos universitarios e de terceiro ciclo. Neste caso presentáronse 33 solicitudes, nove delas rexeitadas por superar o máximo de 25.000 euros de renda familiar.
Como principal criterio de valoración establecéronse as calificacións medias no curso anterior e os niveis de renda -canta menos, máis axuda- e, nese sentido, as bolsas situáronse entre os 114 euros da máis baixa e os 798 da máis alta, moi cerca dos 800 de tope marcados nas bases. Máis da metade das achegas concedidas movéronse entre os 600 e os algo máis de 700 euros.
Desde o Goberno local quíxose poñer en valor a rapidez coa que se convocaron e resolveron as axudas. “Pechamos o prazo de presentación de solicitudes o 30 de setembro e a primeiros de novembro xa tiñamos resoltos todos os expedientes para comunicarlles as axudas ás familias”, comenta Secundino García Casal. “O persoal municipal fixo un traballo inxente verificando toda a documentación e tramitando todas as solicitudes para asegurarse de que todo quedase listo no primeiro trimestre, contribuíndo desta maneira a facerlles máis levadeiros os gastos dos primeiros compases do curso”, engade o rexedor.
O alcalde tamén destaca que San Sadurniño sexa “un dos concellos de Galicia que máis destina a axudas ao estudo, se temos en conta que somos un municipio pequeno, rural e cun orzamento moi limitado”. “Aínda que non sexa unha competencia municipal, coidamos que é un investimento necesario nas familias e sobre todo na rapazada”.
Alén do orzamento dedicado a axudas ao estudo, que este ano contaba cunha dotación económica de 25.000 euros dos cales se distribuíron case 23.500, desde o executivo municipal tamén se reivindica “o grande esforzo inversor” noutros aspectos relacionados co ensino, como foi a execución de distintas obras de mellora no CPI e o cofinanciamento da gratuidade da Escola Infantil Municipal A Rolada, que en ambos casos “deberían ser asumidos pola Xunta”.