Unha semana. Falta unha semana exactamente para que nos encontremos preparando a noite do lume máxico do San Xoán. Unha noite que promete ser máis longa do que vén sendo costume, xa que este ano o 24 de xuño é festivo autonómico. Aproveitando a circunstancia, o Concello organizará o martes 23 unha festa do solsticio na área recreativa dos Currás a partir das 20:00h. Nela haberá sardiñas de balde, lume para saltar e tamén a música do grupo folc Nimbos, que actuará grazas á rede cultural DinamizARTJ dos convenios da Transición xusta. A noite de San Xoán municipal non será a única lumeirada programada, xa que O Castelo de Narahío adiantou ao sábado a celebración e en Igrexafeita déixana para o día 27.
Antes de nada cómpre lembrar que para levar un control das fogueiras do San Xoán e do San Pedro
débese presentar unha comunicación no Concello indicando onde se vai facer o lume e quen é a
persoa ou entidade responsable.
O impreso normalizado pode descargarse desde esta ligazón e despois de cuberto hai que rexistralo presencialmente no Concello ou a través da Sede electrónica. O prazo das comunicacións remata este xoves 18 de xuño.
Dito isto, agora toca falar do que vai haber na área recreativa dos Currás na noite do 23, véspera de festivo. Ao ser por semana e, por primeira vez en anos, non ter que ir traballar ao día seguinte -a maioría-, o Concello decidiu organizar unha salta que tamén coincide co inicio de temporada do ambigú da piscina.
A cousa comezará sobre as 20:00h coa música do grupo folc Nimbos, integrado pola vocalista, frautista e gaiteira Antía Caaveiro, polo guitarrista Álvaro García, o acordeonista Xalo Rubio, o contrabaixo Mario Arranz e o percusionista Diego Barro. Unha formación de recente creación e con intérpretes aínda na mocidade que ofrece pezas instrumentais e cantadas do repertorio tradicional, pero tamén de autoría propia. De feito, en “Até”, o seu primeiro disco, o grupo ponlle música a varios poemas da poeta pontesa Carmela Franco.
A Concellaría de Cultura recupera deste xeito un concerto que estaba previsto inicialmente para as Letras Galegas e que tivo que suspenderse por un problema de axenda da formación. Nimbos chega a San Sadurniño grazas ao programa DinamizARTJ dos convenios da Transición Xusta.
Ademais de música, durante o serán e a noite máxica tamén haberá sardiñas de balde antes do prendido do lume, previsto para algo antes da medianoite.
Saltas en Naraío e Igrexafeita
Ademais da chacharela organizada polo Concello, as asociacións veciñais de Naraío e Igrexafeita tamén enviaron aviso das lumeiradas que van facer.
Así, a AVV O Castelo de Narahío fará unha pequena festa no local social da Veiga este sábado, 20 de xuño, a partir das 22:00h. Para animar a noite convidaron á solista Lucía Fraguela, logo prenderán a salta e, finalmente, prepararán unha queimada cos tradicionais esconxuros contra meigas e outros males.
No caso de Igrexafeita, a festa arredor do lume quedou para o sábado 27. Comezará no local social da Torre ás 21:00h co contacontos Caxoto, que se lle dará paso a unha cumprida cea a base de sardiñas, liscos, chourizos, pan, bebida e sobremesa por un prezo de 5€ para persoas socias e de 10€ para non socias. Hai que anotarse antes do 23 de xuño chamando ao teléfonos 696 912 975 ou ao 650 484 580.
A asociación veciñal Adiante, organizadora deste San Xoán de tarde, tamén está armando a súa tradicional merendada do San Cristovo de Ferreira -sábado 11 de xullo-. Hai que apuntarse antes do 5.