O Concello busca implicar a mocidade na vida pública e na organización de actividades

0

A Concellaría de Participación de San Sadurniño convocoupara a tarde deste venres 11 de abril, entre as 18:30 e as 20:00h, unha nova xuntanza coa mocidade na que seguir afondando nalgunhas das iniciativas que se trataron no encontro celebrado a semana pasada. A cita está posta para as 18:30h na Casa da Xuventude -na Praza Ramón Díaz Raña- e con ela búscase fortalecer o diálogo directo entre o Concello e a xente nova, xunto coa creación dun grupo autoorganizado que propoña, deseñe e dinamice actividades de interese xuvenil. De 20:00 a 21:00h será a quenda das nais e pais para traballar tamén con elas e eles fórmulas que consigan unha maior participación da adolescencia na vida pública.

A cita deste venres pretende consolidar un espazo estable de comunicación entre a mocidade e o Concello, onde poidan nacer “propostas realistas e con valor social”, tal e como sinala Raquel Piñeiro López, concelleira de Participación e de Axenda 2030. A iniciativa parte da vontade de fomentar a “participación activa da xente moza en cuestións políticas e sociais, abríndolles tamén as portas para comprender como funciona a administración pública e cales son os seus límites e posibilidades”.

A Concellaría de Participación anima á mocidade a implicarse nun proceso onde as ideas deben construírse “sobre a base da igualdade, o respecto e a sostenibilidade”, para propor a partir de aí “accións que acheguen valor social” precisa a concelleira ao tempo que enumera como exemplos “aquelas que fomenten a corresponsabilidade, as que aborden a sexualidade a concienciación sobre os distintos xeitos de ser e sentir, as que axuden a enfrontar os novos retos da comunicación, a tecnoloxía ou a Intelixencia Artificial, etc”.

Porén, o encotro vai máis aló dun simple foro onde expoñer ideas. E é que, segundo Raquel Piñeiro López, o Concello tamén busca poñer a semente para a creación dun grupo estable e aberto “que propoña alternativas de ocio e actividades formativas, e que incluso poida encargarse da súa organización”. “Na anterior xuntanza -prosegue a concelleira-, unha das propostas que saíu foi organizar unha quedada de ocio alternativo en horario de venres ou sábado á noite, centrada en xogos de mesa e convivencia. Trataríase de recuperar e actualizar dalgún xeito os Venres en Sansa, que organizou hai uns anos a concellaría de Mocidade”.

A sesión deste venres será clave para animar a máis mocidade a sumarse ao grupo e dar forma a este tipo de propostas. Segundo a concelleira Raquel Piñeiro López, “a nosa intención é que non sexa unha acción puntual, senón un proceso que se manteña no tempo e que sexa liderado pola propia mocidade”.

A propia concelleira subliña a importancia de abrir espazos onde a xente nova se sinta escoitada e protagonista: “Queremos rachar coa idea de que a mocidade está desconectada. Se lles damos ferramentas e confianza, son quen de construír proxectos con moito valor para elas e eles e para o resto da veciñanza”. Piñeiro tamén asegurou que estas xuntanzas permiten detectar intereses comúns e avanzar cara a un programa municipal da xuventude “realmente útil e participativo”.

Ao remate do encontro coa mocidade deste venres, a iso das 20:00h, terá lugar unha reunión paralela coas nais e pais, tamén na Casa da Xuventude, co obxectivo de incluílos no proceso e recoller as súas impresións sobre o papel que debe representar a mocidade dentro da comunidade. A combinación destes espazos de diálogo busca fortalecer o vínculo entre xeracións e construír unha visión compartida do futuro local.

Share.