O Concello de San Sadurniño e Seitura 22 convocan para o martes 7 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa da Xuventude, unha reunión informativa aberta á veciñanza para explicar que son as comunidades enerxéticas e como se está a impulsar este modelo social no municipio. O encontro enmárcase no proxecto de cooperación Redenerxía, promovido por Seitura 22 e o GDR Terra e Auga, co obxectivo de favorecer a creación destas iniciativas de autoconsumo no territorio. A sesión servirá tamén para avanzar os pasos que se darán na constitución da futura comunidade enerxética local que o Concello está promovendo desde o ano pasado. Un proceso en marcha que dará un paso máis o próximo día 16 cunha nova xuntanza na que xa se presentarán os estatutos da asociación promotora e na que as persoas interesadas poderán subscribir a acta fundacional.
A reunión do martes forma parte dunha campaña informativa impulsada por Seitura 22 e o GDR Terra e Auga ao abeiro de Redenerxía, que é un plan para favorecer a creación de comunidades enerxéticas na comarca e reforzar o seu impacto social, económico e ambiental. A través desta xuntanza, organizada en San Sadurniño en colaboración co Concello, búscase achegar á cidadanía un modelo de produción e consumo compartido baseado nas enerxías renovables.
Durante a sesión explicarase de maneira práctica que é unha comunidade enerxética, como funciona e que beneficios pode achegar tanto ás familias como ás empresas e ás propias administracións locais. Ademais de fomentar o aforro na factura eléctrica, este tipo de iniciativas contribúen á redución das emisións contaminantes, fortalecen a cohesión social e favorecen un desenvolvemento económico máis sostible e participado.
Segundo explica a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, o encontro ten un carácter fundamentalmente divulgativo e servirá para preparar o seguinte paso do proceso. “Trátase dunha reunión previa informativa na que xa anticiparemos como se vai levar a cabo a constitución da comunidade enerxética de San Sadurniño”, sinala.
Precisamente esa segunda xuntanza, que se celebrará o xoves 16 ás 20:30h na Casa da Xuventude, permitirá dar un paso decisivo cara á creación da entidade. Nela presentaranse os estatutos da asociación que promoverá a comunidade enerxética de San Sadurniño e abrirase a posibilidade de que todas as veciñas e veciños interesados poidan adherirse ao proxecto asinando a súa incorporación desde ese mesmo día.
Este proceso dá continuidade ao traballo iniciado polo Concello hai máis dun ano para facer realidade unha comunidade enerxética local. En decembro recibíase unha axuda Leader de 5.372,40 euros, financiada a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e canalizada por Seitura 22, destinada a sufragar os estudos preliminares, o asesoramento técnico, as accións informativas e o acompañamento á veciñanza durante as primeiras fases de creación da iniciativa.
A concesión desa achega permitiu avanzar na folla de ruta iniciada meses antes, en maio de 2025, na primeira reunión convocada polo Concello para exporlle á veciñanza os aspectos legais, técnicos e organizativos deste modelo de produción colectiva. Xa daquela quedou patente o interese de varias persoas en impulsar un proxecto deste tipo en San Sadurniño, sempre que contase co apoio e coa dinamización do Concello.
Co financiamento conseguido a través dos fondos Leader púidose iniciar a fase técnica do proxecto, centrada na análise da súa viabilidade e na definición da fórmula organizativa que permita poñer en marcha a comunidade enerxética. O obxectivo final é poñer en marcha un proxecto fotovoltaico que combine instalacións en espazos públicos e privados, reduza a dependencia das grandes compañías eléctricas e contribúa á transición cara a un modelo enerxético máis sostible para San Sadurniño.