O Concello asegura a pista da Ribeira, danada durante os temporais de fin de ano

0

O cambio de ano veu marcado por unha sucesión de temporais de auga que ocasionaron múltiples desperfectos en San Sadurniño. O máis reseñable foi o desprendemento dunha parte da presa do Castelo, en Naraío, que obrigou a manter desaloxada por prevención unha vivenda augas abaixo. Porén, houbo máis desfeitas, como a caída dun tramo de muro dos xardíns municipais, xa reparado, ou o corremento de terras na zona da Ribeira, en Igrexafeita, que deixou literalmente no aire a única vía de comunicación deste lugar de Igrexafeita. Durante estes días estiveron levándose a cabo traballos de consolidación que suporán un investimento cercano aos 10.000 euros.

A obra localízase na pista que enlaza os lugares da Casatellada, Regueiro Cavado e a Ribeira, nunha zona de ladeira moi pronunciada onde é habitual que se produzan corrementos de terras en épocas de fortes choivas.

Iso foi o que ocorreu na Noiteboa de 2022, cando a inestabilidade provocada pola auga acumulada no subsolo levou de súpeto monte abaixo unha lingua de chan, maleza e árbores duns 50 metros de longo, deixando nunha situación precaria un tramo do principal camiño que lle dá servizo as casas da Ribeira.

O Concello balizou de inmediato o punto afectado para evitar o paso de vehículos -sobre todo maquinaria pesada- e aconsellou que as persoas usuarias habituais empregasen como alternativa a pista das Costeiras, que tamén desemboca na Ribeira continuando logo até a Fervenza.

As obras de reparación tiveron que agardar ao verán para contar con certa garantía de poder traballar sobre terreo enxoito. Debido á forte pendente foi necesario abrir un acceso inferior monte a través para achegar os materiais e consolidar a base da pista cun empedrado de 11 metros de longo por arredor de 4 metros de altura. Ademais tamén se repuxo con saburra e regas asfálticas unha tira de firme duns 10 metros cadrados.

O orzamento da intervención, executada por José No Mantiñán e Hijos e sufragada integramente con fondos municipais, ascende a 9.922 euros, impostos incluídos.

Rematada tamén a reparación do muro dos xardíns

Outro lugar onde os temporais do inverno causaron desperfectos foi no peche perimetral dos xardíns municipais. Os 7 metros de muro que se viñeran abaixo no Nadal tamén quedaron listos hai escasos días, cun investimento de 15.000 euros financiados na súa totalidade cunha axuda de Turismo de Galicia.

Share.