O Concello apoia con 6.500 euros a presente edición do Festival do Río Castro

0

O Concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e o presidente da AVV O Castelo de Narahío, David Dopico, asinaron este mércores o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade veciñal para o desenvolvemento da 29ª edición do Festival do Río Castro, celebrada o primeiro sábado de xullo. O acordo implica a concesión dunha subvención nominativa de 6.500 euros cos que se cubrirá unha parte dos custes do evento, que este ano contou cun orzamento cercano aos 19.000 euros. Deste xeito, segundo o Goberno local, “apóiase dunha maneira máis eficaz un dos principais eventos culturais do noso concello”. 

Tal e como se destaca no documento asinado onte, o Festival do Río Castro é unha cita cultural con características únicas na comarca que ten como un dos seus obxectivos “dar a coñecer tanto a música tradicional como as bandas que propopen cousas novas mantendo o espírito de raíz”.

De cara a conseguir esa finalidade, O Castelo de Narahío convidou á edición 2024 á asociación Vai Rañala Meu, ao grupo local Encrucillada e ás formacións tradicionais Tres Pesos e Os Viqueiras, ademais de rematar a festa coa Requinta da Laxeira. Cabe recordar tamén que o 8 de xuño, un mes antes do festival, a asociación tamén levou a cabo dúas presentacións nos bares da parroquia, que contaron con música ao vivo e un obradoiro de baile.

O Castelo de Narahío destinou ás presentacións e ao propio festival preto de 19.000 euros, sufragados pola entidade con recursos propios, cunha subvención de 6.000 euros da convocatoria para festivais musicais da Deputación da Coruña e cos 6.500 da subvención nominativa do Concello de San Sadurniño. Esta última, de nova creación, debeu agardar á recente entrada en vigor dos orzamentos municipais para poder facerse oficial, aínda que o festival xa se celebrase hai dous meses.

Segundo as condicións recollidas no acordo, que se circunscribe á 29ª edición do festival, O Castelo de Narahío corre con todos os aspectos organizativos -contratación dos grupos, produción, loxística, publicidade, etc.-, cuxos gastos (xa efectuados) deberá acreditar coas correspondentes facturas e documentos de pagamento. Outros compromisos son a utilización do galego en toda a comunicación, reflectir na publicidade o financiamento municipal e o apoio ao Xeoparque do Cabo Ortegal e colaborar co Concello en materia de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.

O pagamento dos 6.500 euros de axuda farase efectivo en dúas veces: o 75% do importe (4.875€) xusto trala sinatura do convenio e o 25% restante (1.625€) despois de presentar a documentación xustificativa, entre a que se contan as copias das facturas e resgardos do seu pagamento, o dossier sobre o efectivo desenvolvemento da actividade ou a certificación das achegas obtidas para o festival, que en ningún caso -nin individualmente nin en conxunto- poderán sobrepasar o seu custe.

Tralo remate do acto protocolario de sinatura do convenio -no que participaron o presidente de O Castelo de Narahío, David Dopico, e o seu secretario, Héctor Rodríguez-, o primeiro tenente de alcalde e responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, apuntou que a fórmula da subvención nominativa “permite apoiar dunha maneira máis eficaz a organización dun dos principais eventos culturais do noso concello”.

Neste sentido o edil explica que a contía concedida “é similar á que percibía O Castelo na convocatoria anual de subvencións para cultura e para investimentos, que a entidade xustificaba no apartado de actividades pincipalmente con gastos do festival”. Co convenio simplifícase moito a tramitación tanto para o Concello como para a asociación”.

Cómpre ter en conta, por outra banda, que de acordo coa normativa sobre subvencións do Concello de San Sadurniño, o feito de asinar o convenio nominativo impide que O Castelo de Narahío acceda este ano ás liñas de subvención para entidades veciñais e culturais, de convocatoria inminente, de modo que outros colectivos do municipio poderán acceder a máis financiamento segundo as programacións que presenten. “Este ano propoñemos distribuír para actividades e equipamento 12.000 euros, unha cifra parecida á do ano pasado, coa diferencia de que ao non entrar no reparto a asociación de Naraío as demais terán máis fondos dispoñibles, tendo en conta a baremación que obteña o seu programa de actividades”, explica Varela.

 

Share.