O alcalde, Secundino García Casal, e a presidenta da ANPA do CPI de San Sadurniño Sansa Viva, Lidia Pena Goti, asinaron no serán deste martes o convenio de colaboración polo que o Concello concede á entidade unha subvención nominativa de 2.000 euros. A achega municipal destinarase a apoiar o desenvolvemento das actividades organizadas pola asociación ao longo de 2026. Un apoio que se fará efectivo por medio do financiamento dos gastos ordinarios vinculados á súa programación.
Tal e como se apunta no documento asinado onte, o acordo vén formalizar a colaboración entre o Concello e a ANPA Sansa Viva para impulsar actividades complementarias que favorezan a participación das familias na vida escolar e o desenvolvemento social, educativo e participativo do alumnado. De feito, no convenio recoñécese expresamente o interese xeral do traballo que fai a asociación para o conxunto da comunidade educativa e sinala que a achega municipal ten como finalidade axudarlle cos gastos propios da organización de actividades durante todo este ano.
A programación da ANPA inclúe iniciativas como a Festa de Fin de Curso, o Magosto, a Festa dos Maios, as actividades de Nadal e un taller de xestión de conflitos. O convenio especifica que o obxecto da subvención é precisamente a colaboración económica do Concello no desenvolvemento destas actividades, ademais de recoller a posibilidade de que o colectivo utilice de balde as instalacións municipais para o levalas a cabo.
Outro dos aspectos destacados do convenio é a incorporación de compromisos relacionados coa comunicación e cos valores sociais. A ANPA deberá dar visibilidade ao apoio do Concello e tamén do Xeoparque Cabo Ortegal no material divulgativo que edite, ademais de cumprir coas obrigas sobre o uso da lingua galega, a igualdade e a inclusión. O texto establece expresamente o compromiso de utilizar “a linguaxe inclusiva non sexista e empregar imaxes que promovan os valores da inclusión e da igualdade”, así como de sumarse ás campañas municipais de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.
No que respecta ao pagamento da subvención, o Concello aboará inicialmente o 75% do importe, é dicir, 1.500 euros, tras a sinatura do convenio. Os 500 euros restantes faranse efectivos unha vez que a entidade presente a memoria das actividades realizadas, a relación de gastos, os xustificantes de pagamento e a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas establecidas no acordo.
Segundo o alcalde, Secundino García Casal, a sinatura deste convenio “reforza a colaboración estable entre o Concello e a ANPA do CPI Sansa Viva, unha entidade moi activa que está facendo un grande traballo de dinamización da vida escolar e das propias familias”. O rexedor engade que a achega económica municipal ten como fin última “contribuír ao desenvolvemento socioeducativo da rapazada e, en definitiva, fortalecer a comunidade educativa do colexio público”.