O Concello admite as 14 solicitudes presentadas para a quenda de agosto da Aldea de verán

0

Hoxe publicouse a resolución da alcaldía na que se dá conta da admisión de todas as solicitudes recibidas para a segunda quenda do programa socioeducativo Aldea de verán, que se desenvolve en San Sadurniño durante os meses de xullo e agosto. Presentáronse 14, e o Concello xa lles comunicou ás familias a necesidade de confirmar a praza formalizando a matrícula ao longo desta semana -o último día é o 26 de xullo-, segundo a modalidade elixida e o número de irmáns ou irmás que vaian asistir ao campamento. Para a quenda de agosto da Aldea aínda quedarían, polo tanto, arredor de 15 prazas dispoñibles, que se irían adxudicando por orde de entrada no rexistro municipal con cita previa no 981 490 027 (ext.1), onde tamén facilitan máis información. Esta segunda parte do programa, que coincidirá nos contidos xerais coa de xullo, comezará o luns 2 de agosto no ximnasio do CPI de San Sadurniño.

As familias terán que efectuar o pagamento da matrícula mediante ingreso ou transferencia bancaria á conta de ABANCA ES74 2080 0208 0131 1000 0059 indicando no concepto “Aldea de verán, o nome e apelidos do/a menor e o mes de participación (agosto)”.

Os importes son os que se publicaron no mes de maio, pouco antes da apertura do prazo de solicitude para a primeira quenda. As cotas públicas varían dependendo da hora de entrada e do número de membros da mesma unidade familiar que vaian acudir ao campamento:

Horario de
8.30 a 14.30h
Horario de
9.30 a 14.30h
1º Membro da unidade familiar 110€ 80€
2º Membro da unidade familiar 75€ 50€
3º Membro da unidade familiar 45€ 30€

A segunda quenda do programa arrancará o luns 2 de agosto con 14 cativos e cativas -salvo que haxa algunha solicitude máis nos próximos días- propoñéndolles múltiples actividades no ximnasio do CPI de San Sadurniño, que será o seu espazo de referenza durante todo o mes, aínda que tamén se prevén excursións e outras saídas lúdicas.

Como en anos pasados, a Aldea de verán ten tras de si un programa horario pensado para que a mañá pase voando e para que dea tempo a facer de todo, aínda que seguindo unha planificación previa de contidos enfiados con xogos nos que unhas veces a rapazada se converterá nun grupo de piratas, outras explorarán o Espazo Exterior, pintarán, reciclarán, escribirán contos, etc. E, mentres tanto, case sen decatarse, estarán interiorizando cousas tan fundamentais como a perspectiva de xénero, a empatía, a comunicación, a cooperación ou a asertividade.

A Aldea de verán está cofinanciada pola Deputación da Coruña a través do POS+ 2021 Adicional para gasto de tipo social. Na primeira quenda, a do mes de xullo, participan máis dunha vintena de nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. O departamento municipal de Igualdade fará nos próximos días unha enquisa anónima entre as familias para coñecer o grao de satisfacción co programa. O estudo repetirase tamén a finais de agosto coas familias que anoten as crianzas na segunda quenda.

Resolución admisión solicitudes segunda quenda da Aldea de verán

Share.