A Feira Rural de San Sadurniño volverá celebrarse, se non hai mala cousa, o último sábado do mes de agosto. De aquí a aló aínda está polo medio case todo o verán, pero o Concello xa ten aberto desde esta semana o período para que as persoas interesadas en poñer un posto poidan reservar o seu espazo nos sendeiros da Cortiña. O 29 de agosto alí volverá haber de todo un pouco, como escaparate da puxanza e o potencial do medio rural, aínda que o protagonismo o terá a produción agroalimentaria e a artesanía, ademais do concurso da froita autóctona e as numerosas actividades paralelas que o Concello está ultimando. En calquera caso, agora o que toca é ir solicitando sitio para expoñer, preferiblemente a través do rexistro municipal (só persoas físicas) ou da Sede Electrónica (obrigatoria para as persoas xurídicas e opcional para as físicas). O último día é o 16 de agosto.
A superficie máxima que se pode pedir son 10 metros liñais, por cinco metros de fondo. As cotas están fixadas en 10€ ata 4 metros de frontal e 25€ se se van ocupar entre os 5 e os 10 metros de tope. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude, sempre e cando non monten expositores maiores de 5 metros de frontal por cinco de fondo.
As anteriores cotas incrementaranse en 15 euros máis se se solicita unha toma de electricidade, independentemente da superficie. Como vén ocorrendo nos últimos eventos, os postos de alimentación, artesanía e viveiros poderán solicitarlle ao Concello que lles instale unha carpa se non dispoñen dela, cun prezo de 100€ se é de 3×3 metros ou de 150€ se se trata dunha estrutura de 5×5 metros. Se por calquera motivo se precisa estacionar o vehículo ao pé do posto -porque se necesite repor mercadoría ou porque conte con frío, por exemplo- haberá que solicitalo e engadirlle á cota da participación outros 20€.
As peticións, coma sempre, teñen que cursarse cubrindo o formulario normalizado que proporciona o Concello, onde tamén figura a declaración conforme se aceptan as normas de participación na feira, como por exemplo o horario de entrada no recinto, a obriga de ter o posto montado ata polo menos as 20:00h ou o requisito de garantir tanto a hixiene como a recollida dos refugallos que xere cada actividade.
De novo, aqueles postos que identifiquen o seu produto como ecolóxico deberán acreditalo achegando coa solicitude a correspondente certificación -do CRAEGA ou de calquera outro organismo oficial de control- e, de igual maneira, os que se dediquen á artesanía tamén terán que contar co rexistro como obradoiro de artesanía, ademais de achegar coa solicitude imaxes do tipo de artigos que van vender.
As solicitudes poden achegarse por calquera das seguintes vías: as persoas físicas teñen a opción de facelo presencialmente no Rexistro do Concello ou na Casa da Cultura -en horario de mañá de luns a venres-; tamén poden facelo en liña a través da Sede electrónica municipal – medio obrigatorio para persoas xurídicas-, ou ben mandándoas por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”. O último día de prazo é o 16 de agosto ás 23:59h.
O listado de postos admitidos publicarase o 24 de agosto. A partir dese momento os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda. Os importes que toquen en cada caso -segundo a superficie e se se pide ou non punto de electricidade- poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural 2026” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 29 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.
Se se precisa máis información pódese contactar co departamento de Desenvolvemento local a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar en horario de mañá de luns a venres ao 616 332 919.
Folla de solicitude de espazo
Normas de participación
Folla de autoliquidación (débese facer o pagamento despois de que se publique a lista de admisións, non antes)