O Concello abre este mércores o prazo de inscrición na XXVI Feira da Plantación

0

O espazo da Cortiña e do paseo fluvial de San Sadurniño vai acoller o domingo 30 de abril unha nova edición da Feira da Plantación, o evento co que o Concello pretende poñer en valor a produción floral e de planta do municipio aproveitando ademais para reivindicar o rural como un medio vivo e cheo de oportunidades de futuro. A Área de Desenvolvemento local está ultimando un programa que volverá ofrecer múltiples actividades entre obradoiros, exposicións, música e, sobre todo, unha chea de postos nos que atopar moita planta ornamental, xunto con maquinaria, produto alimentario e artesanía. Os postos que desexen asistir poderán solicitalo entre este mércores 29 de marzo e o venres 21 de abril. Deben achegar a folla de inscrición debidamente cuberta a través da Sede Electrónica, presencialmente nas oficinas municipais ou ben por correo postal.

A XXVI Feira da Plantación desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00h do domingo 30 de abril e contará principalmente con planta de temporada, pero tamén con árbores froiteiras e pés para horta -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converterán o recinto no mellor escaparate comarcal para conseguir todo o necesario -incluídas sementes, ferramentas e maquinaria- para preparar morteiros ou decorar os xardíns.

Alén do produto verde á venda, ao que se lle arrimará a alimentación e a artesanía relacionada co mundo vexetal, o evento tamén virá cargado de actividades paralelas: un obradoiro de decoración con planta e flor seca, outro de xabóns artesanais, as actuacións dos Mozos da Ronda e das pandereteiras da agrupación coruñesa Donaire, dúas demostracións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feria) e os sorteos de ramos e centros que elabore (ás 14:00 e ás 19:30h) coas papeletas que nos entregarán con cada compra. Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal.

Tralo exitoso cambio de emprazamento do ano pasado, o Concello volverá celebrar a feira na finca da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia e da Fraga Máxica, unha das principais novidades que atopará o público asistente con respecto á edición 2022.

Os expositores e expositoras poderán instalar as súas propias carpas e toldos nos metros solicitados e, ademais, o Concello tamén ofrece opcionalmente ese equipamento.

Para expor ou vender na feira poderán presentarse as solicitudes do 29 de marzo ao 21 de abril no rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, O Casal 15, 15560, San Sadurniño). Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar e tamén de se se lle solicita ou non ao Concello que monte previamente este tipo de cuberta. As entidades sen fins de lucro poderán participar de balde, aínda que sempre sen superar os 5m frontais por 5 de fondo.

Segundo o anuncio publicado no BOP, as cotas son as seguintes:

  • 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 5€
  • 6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 15€
  • 16 a 25 metros frontais por 7 metros de fondo: 45€
  • Postos que soliciten carpa de 5x5m instalada polo Concello: 85€
  • Postos que soliciten carpa de 12x6m instalada polo Concello: 200€

O Concello publicará o listado de postos admitidos o día 25 de abril e, feito isto, os expositores e expositoras deberán confirmar a inscrición pagando a cota correspondente no número de conta que figura na folla de solicitude xunto coas bases de participación. O resgardo do pagamento haberá que presentalo o propio día da feira e será imprescindible para poder acceder ao recinto.

Folla de solicitude e bases

Share.