A oferta deportiva de San Sadurniño ampliouse hai uns días coa posta en marcha do Club Arco Saturno, unha nova entidade que comezará en outubro unha actividade de iniciación ao tiro con arco aberta a persoas a partir dos oito anos. As sesións desenvolveranse inicialmente os martes e xoves, de 17:30 a 19:30h, no campo de fútbol de Santa Mariña do Monte, aínda que o club e o Concello están buscando alternativas a cuberto, como podería ser o patio cuberto do CPI fóra do horario escolar. Para entrar formar parte do grupo de novas arqueiras e arqueiros non fai falla experiencia previa nin tampouco material, xa que o necesario para ir empezando corre por conta do club. As persoas interesadas poden solicitar información ou inscribirse -a cota son 15€ mensuais- no teléfono e WhatsApp 640 378 967, ou no correo electrónico contacto@arcosaturno.club
A creación do club está ligada á traxectoria de Adrián Orjales e Antonio Hermida, dous arqueiros con discapacidade visual que buscaban un lugar onde practicar nun ambiente máis tranquilo, sen presión, e onde calquera puidese achegarse ao tiro con arco só por gusto. Como non o atoparon, decidiron crealo. Propuxéronlle o proxecto ao Concello e, tal e como lle levan comentado á prensa nos últimos días, atoparon “unha acollida moi boa”, e así naceu o club, que completan na directiva Marcos Ameneiros, Luján Cuevas e José Manuel Orjales, co monitor Eduardo Ponce.
O concelleiro de Deportes, José Manuel Martínez, destaca que “é unha boa noticia que San Sadurniño conte cun club que achega unha disciplina diferente e que o fai desde a inclusión. Que calquera persoa da veciñanza, sexa cal sexa a súa idade ou capacidade, poida probar o tiro con arco é xusto o tipo de oferta deportiva que queremos ter no concello. Os promotores do club propuxéronnos a idea e nós, podendo, facilitámoslles que poida ir adiante”.
Orjales, internacional coa selección española e subcampión de Europa de tiro con arco adaptado, ocupa a presidencia, e Hermida, campión de España en sala na categoría de deportistas con discapacidade visual, a vicepresidencia. Que os dous cargos estean en mans de persoas cegas resume a filosofía do club: a práctica deportiva debe adaptarse ás persoas, e non ao revés, sexan cales sexan a idade, o sexo, a experiencia ou a discapacidade.
As clases están abertas a nenas e nenos de 8 anos en diante, mocidade, persoas adultas e maiores, que poden participar de maneira individual, en familia ou en grupo, con ou sen discapacidade. O club adaptará o ensino, dentro das súas posibilidades, ás necesidades de cadaquén e a aprendizaxe será progresiva, desde cero. Non hai que competir nin alcanzar un nivel determinado para formar parte del, pero quen queira dar o salto á competición contará con acompañamento.
Como principais argumentos para chamar pola xente, desde o Saturno aseguran que o tiro con arco favorece a concentración, a coordinación e a conciencia corporal, ademais de pedir constancia, calma e atención ao propio movemento. “Por iso pode practicarse con obxectivos moi distintos, como pasatempo ou como deporte, e permite que persoas de idades e condicións diversas compartan unha mesma actividade”, engade o titular da área municipal de Deportes.
No inverno a actividade trasladarase a un espazo ao abrigo -seguramente o patio cuberto do CPI- e, coa primavera, volverá ao campo de fútbol de Santa Mariña do Monte, de modo que poida manterse durante todo o ano. Os días e horarios poderán cambiar por razóns organizativas ou pola dispoñibilidade das instalacións, e calquera cambio comunicarase con antelación. Ademais das clases de iniciación, o club quere traballar coa mocidade, dar a coñecer o tiro con arco entre as persoas cegas e desenvolver, máis adiante, actividades con mulleres que superaron un cancro de mama, xa que o arco é unha boa ferramenta de rehabilitación.
As clases comezarán en outubro, os martes e xoves de 17:30 a 19:30 horas, cunha cota de 15 euros ao mes. A actividade está aberta a partir dos oito anos e poderá adaptarse ás características e necesidades das persoas participantes dentro das posibilidades do club. Para consultar a dispoñibilidade de prazas, resolver dúbidas ou formalizar a inscrición, cómpre contactar con Arco Saturno no 640 378 967, por teléfono ou WhatsApp, ou escribir a contacto@arcosaturno.club.