O Club de Montaña Ferrol pecha o ano cunha proba de orientación nocturna en San Sadurniño

0

O evento denomínase “Rogaine Inocentes 2018” e o Club de Montaña Ferrol leva varios días informando sobre el a través da súa web e das redes sociais. Porén, para quen non ande no mundo da orientación… ¿que é unha “rogaine”?. Pois unha rogaine vén sendo un tipo de carreira ao aire libre onde prima a estratexia para completar nun tempo determinado un circuíto cheo de balizas que cumprirá atopar coa única axuda dun mapa e un compás, posto que se prohíbe botar man de móbiles ou dispositivos gps. A que terá lugar polos montes de San Sadurniño o sábado 29 de decembro pecha o calendario da entidade. Quen queira inscribirse debe apurar, xa que o prazo finaliza ás 23.59h. do día 26 de decembro.

O Club de Montaña de Ferrol deseñou un trazado polos montes de San Sadurniño, Igrexafeita e Ferreira con saída e meta na praza do antigo Concello. Terá distintos niveis de dificultade, cun percorrido longo para persoas máis ou menos expertas, outro curto para quen se estea iniciando e un de tipo familiar limitado ao casco urbano que será ben doado de superar na compaña da rapazada. Nos tres casos marcouse un tempo máximo de superación de 3 horas.

A proba terá un cometido lúdico, posto que non puntúa para ningunha liga da Federación Galega de Deportes de Orientación nin da federación estatal. A saída está posta para as 18.30h. e a participación é individual, aínda que o avance pode facerse en grupo. As claves para obter un bo resultado é combinar a estratexia e a habilidade orientativa, que se complicará un chisco por ser de noite. Algo que, tal e como informa o CMF, lle dá “un plus de aventura” ao evento.

Xusto antes da saída entregaranse os mapas e, a partir de aí, cadaquén deberá buscar a vida libremente para dar coas balizas distribuídas por todo o trazado. Segundo a organización, o plano está feito especificamente para esta proba e segue a filosofía dos mapas de orientación a pé, aínda que sen presentar o seu nivel de detalle en canto a vexetación, rochas e outros elementos.

O prazo de inscrición remata o 26 de decembro ás 23.59h. a través da páxina da Federación Galega de Orientación ou directamente na sede do club, situada na Rúa Coruña nº 102 – 1ºD, en Ferrol. Para obter máis información tamén se pode contactar coa entidade a través do correo raidscmf@gmail.com.

O custe son 7€ para persoas maiores de 18 anos e de 3€ para as menores desa idade. Quen non dispoña de licenza anual de raid terá que engadir 2€ para ter cobertura o día da proba.

Share.