A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu este sábado a gala das estreas das curtametraxes filmadas ao abeiro do Chanfaina lab o pasado mes de setembro. O encontro audiovisual festexou a súa décima edición cunha auditorio cheo de veciñanza e realizadoras de dentro e de fóra da casa que compartiron tres intensos días de rodaxe para poder servir esta tarde auténticas delicias visuais. Ficción, documental, experimental, narrativas frescas, en definitiva, feitas con amor e por amor ao audiovisual, esencia mesma do Chanfaina. A festa do cine local serviu tamén para entregarlle o II Premio Bernardino de Lamas ao cineasta da natureza José Roberto Fernández López. Neste décimo aniversario chanfaineiro tamén houbo os “parabéns para ti, nesta data querida…etc, etc.”. Da torta sorpresa termaron sobre o escenario Carmen Suárez e Manolo González, promotores da iniciativa, quen sopraron as candeas visiblemente emocionados no medio dos aplausos de cariño de público e participantes.
A gala estivo conducida con grande mestría e moito dinamismo pola actriz Isabel Blanco e o seu partenaire nesta ocasión, o tamén actor -e xa veciño noso- Kevin Lorenzo. Ambos luciron complicidade e moito humor na levanza dun evento onde se falou de cine, de creatividade e tamén de igualdade en vésperas de celebración do 8M.
Como vén sendo habitual na escaleta, a parte máis institucional -aínda que cun tono aliñado co desenfado do evento- foi a intervención do alcalde, Secundino García Casal, quen agradeceu a presenza do público e a implicación de todas as persoas participantes. “Como sabedes sempre facemos o Chanfaina a última fin de semana de febreiro, pero tivemos que retrasalo para non contraprogramar aos Goya”, comentou con humor antes de destacar o valor das pezas presentadas.
O rexedor subliñou que cada edición deixa “curtas que quedan para a historia e para deleitarnos con elas no futuro”, ao tempo que fixo un chamamento pola paz: “Podemos berrar alto un ‘non á guerra’. O cine demóstranos que hai moitas maneiras de vivir sen andar tirándolle bombas á xente”.
Un dos momentos centrais da gala foi a entrega do II Premio Bernardino de Lamas, un recoñecemento creado polo Concello para distinguir traxectorias vinculadas ao cinema non profesional. A concelleira de Cultura, Araceli Bellas, foi a encargada de ler o fallo do xurado, que destacou a “coherencia e independencia creativa” do realizador José Roberto Fernández López, así como o seu compromiso coa defensa do patrimonio natural galego a través do audiovisual.
Nado no Bierzo e residente desde hai máis de corenta anos en Valdoviño, Roberto Fernández exerceu como profesor de Bioloxía en Ferrol e leva décadas gravando a natureza galega cos seus propios medios. Na súa intervención agradeceu emocionado o recoñecemento: “Este premio fíxome moita ilusión. É a primeira vez que recibo un galardón sen ter participado nun concurso enviando unha obra, e por iso é unha gran honra”. O documentalista afeccionado tamén fixo un alegato pola conservación da natureza e explicou que filmar fauna require “habilidades especiais, preparación e moita experiencia”. “Capturar imaxes da natureza ten algo do instinto cazador que temos os seres humanos, coa indiscutible vantaxe de que o animal segue vivindo”, engadiu, antes de lembrar que no seu caso concentra practicamente todas as fases da produción audiovisual: “Agás a música, todo o fago eu”.
O premiado concluíu sinalando que o galardón lle dá forzas para seguir “capturando momentos únicos na natureza nestes escenarios tan marabillosos que temos en Galicia e tamén aquí en San Sadurniño”.
Tras a entrega do premio, o escenario foi recibindo aos distintos equipos participantes no encontro audiovisual, que presentaron brevemente as súas obras antes da proxección. A primeira parte da sesión incluíu Guión curta, de Bieito Beceiro; Consulta aberta, de Kevin Lorenzo; Rachar en dous, de Area Erina; Cando a historia cobra vida, de Milagros Bará; Gripe aviar, do colectivo Teño unha horta; Cóntame a túa historia, de Carlos Amil; A Gran Porta de Kiev, de Brandán Cerviño; O ourizo, de Abel Vega; Vacas nocturnas no Forgoselo, de Gala Rodríguez e Rocío Campoy; e Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla.
Despois dun breve descanso, a gala continuou coa segunda quenda de proxeccións, na que se puideron ver Só a través doutros, de Gon Caride; Un segundo, de Ángela Arnosa; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; A derradeira, do colectivo A Ringueira; A pena do trabuco, de Cruz Piñón; Saudade: unha metáfora/descrición da viudez, de Anxo Pena; Mariela, de The Sungirls; O refuxio, de Fran da Lobeira; Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido; e Racamonde, de NaraioMedia. Nesta décima edición destacou a presenza crecente da ficción, sen perder o peso das propostas experimentais e documentais, así como a aparición da intelixencia artificial en varias das montaxes.
A celebración do décimo aniversario tamén tivo un momento simbólico sobre o escenario. O público cantou os parabéns mentres se sopraban literalmente as dez velas colocadas nunha pequena torta. Os encargados de apagalas foron dous dos grandes impulsores e sostedores do encontro audiovisual desde os seus inicios: o profesor xubilado e académico do audiovisual Manolo González e a súa dona, Carmen Suárez, técnica da aula CeMIT de San Sadurniño.
O Chanfaina lab, nacido en 2014, conta co patrocinio da Deputación da Coruña. Durante unha fin de semana reúne a creadoras e creadores de San Sadurniño e doutras procedencias para contaren historias visuais con total liberdade narrativa. Como premio: compartir tres días de traballo, case aventura, e volver encontrarse meses despois para ver o resultado e levar como agasallo unha Lola Chanfaineira -unha boneca feita con plana de maínzo-. “Haberá cousa máis bonita que un festival no que todas e todos ganan?”, preguntaba a actriz Isabel Blanco xusto antes das proxeccións. Certamente, non, non a hai.
Tras a estrea na Casa da Cultura, as curtametraxes iniciarán agora o seu percorrido por festivais e mostras audiovisuais de todo o mundo. Ademais, poderán verse tamén en liña, xa que a partir do 27 de marzo iranse publicando de dúas en dúas cada venres na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño, seguindo a mesma orde na que se proxectaron na gala.