O Chanfaina ‘Lab opta ao premio do público do Culturgal 2018

0

A Feira das industrias culturais Culturgal é desde hai dez anos o principal escaparate de todo o que se move na creación do noso país. A música, as escénicas, o cinema e, en definitiva, o espectáculo, reúnese en Pontevedra no mes de decembro para presentar novas propostas, pero tamén para intercambiar coñecemento e mesmo darlle a oportunidade ao público de que premie os proxectos máis interesantes. Para a edición deste ano hai tres candidaturas: a Casa de Rosalía, a Rede Cultural da Deputación da Coruña e o noso Chanfaina ‘Lab. As votacións están xa abertas a través da plataforma Easypromos. Sobra dicir por quen imos votar ;).

As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas polas que o público da Feira nas redes ten que se decidir. Valóranse, como é habitual, aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público da Feira o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013), o Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015), o Festival Agrogay da Ulloa (2016) e o Play-Doc (2017). O público pode participar en 2018 a través da app Easypromos, especializada na xestión da participación do público en votacións en redes e que permite á Feira compartila en todas as súas canles. O último día para votar será o venres 23 ás 23:59. 

A páxina do Culturgal mete unha pequena ficha de cada unha das candidaturas. Do Chanfaina ’Lab cóntase que se trata dun evento “ao que non se vai ver películas, senón  facelas”, engadindo que non é un festival audiovisual “ao uso”. A descrición publicada pola web cualifica o Chanfaina como “un proxecto de creación colectiva que implica de maneira activa a creadores e veciñanza e que segue medrando ao longo das súas cinco edicións”.

Destacan tamén que a idade, a formación ou a traxectoria “non marcan diferenzas” entre participantes, senón que contribúen a enriquecer o resultado tanto no momento da gravación -sempre na primeira fin de semana de setembro-, como no das proxeccións que se programan habitualmente para o mes de febreiro.

A candidatura do Chanfaina aos premios do público do Culturgal “é un recoñecemento para un evento dun concello pequeno, feito con poucos recursos pero con moito cariño”, comenta Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura. A responsable da iniciativa -impulsada dentro de Fálame de San Sadurniño polo académico Manolo González- apunta a que, malia a súa “humildade económica e organizativa”, logrou entrar con forza no circuíto audiovisual galego gracias á participación de “grandes creadoras e creadores autóctonos traballando man a man e en igualdade de condicións coa xente do noso territorio, teña ou non experiencia. Iso é o que fai realmente especial o Chanfaina: a implicación social”.

O encontro audiovisual compite polos favores do público coa Casa de Rosalía e coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. Méritos ten de sobra para facerse co premio, pero é sabido que todo o que se move nas redes sociais anda a base de clics do rato e gústames. Por iso, xa sabedes, todo o mundo votar polo Chanf…, ben, non hai falta de dicilo.

O Culturgal celébrase este ano desde o 30 de novembro ao 2 de decembro. As entradas na feira están xa á venda e, se nunca fostes, aproveitade esta 11ª edición para ir en familia. Non vos ha pesar.

Share.