O Chanfaina lab itinerante chega esta fin de semana a Lamas, Igrexafeita e Ferreira

0

O ciclo itinerante do Chanfaina lab continúa esta fin de semana o seu percorrido polas parroquias, cun programa de proxeccións que parará hoxe en Lamas, mañá sábado en Igrexafeita e do domingo en Ferreira. A iniciativa, organizada como adianto da undécima edición do encontro audiovisual, está levando aos locais sociais unha escolma de curtametraxes gravadas ou inspiradas en cada unha das parroquias. Os pases son con entrada libre e todos empezan ás 20:30h.

Despois da boa acollida dos primeiros pases celebrados en Bardaos e Santa Mariña do Monte, o Chanfaina lab itinerante segue achegando o cine made in San Sadurniño ao territorio e á veciñanza, que son ademais a materia prima principal do  encontro audiovisual.

Cada sesión ten unha duración aproximada de 90 minutos e combina pezas destacadas de distintas edicións do Chanfaina lab vinculadas á parroquia na que se realiza a proxección. O obxectivo é ofrecer unha programación cun marcado carácter local, na que as historias, as paisaxes e a memoria colectiva do municipio sexan as protagonistas.

O ciclo conta coa colaboración das asociacións veciñais e busca converter os locais sociais en espazos de encontro arredor do audiovisual. As proxeccións permiten redescubrir o patrimonio humano e paisaxístico das parroquias a través de obras creadas dentro dos 99 quilómetros cadrados de San Sadurniño.

Así, este venres 7 de agosto a cita será no local social de Lamas; o sábado 8, no de Igrexafeita; e o domingo 9, no local social de Ferreira, na Seara. A programación do Chanfaina lab itinerante completarase o 21 de agosto cunha última parada en Naraío. Será o peche dun ciclo que serve de antesala á undécima edición do Chanfaina lab, prevista para os días 4, 5 e 6 de setembro.

A memoria das escolas indianas de Ferreira, protagonista do cartel deste ano
Tal e como avanzou a “cociña” do encontro a través da súa web –chanfainalab.gal, onde pode seguirse toda a actualidade do encontro-, na undécima edición  San Sadurniño volverá converterse “nun espazo de encontro, creación e convivencia arredor do cinema. Durante unha fin de semana, cineastas e novas voces do audiovisual galego filmarán 25 pezas inspiradas na memoria, a paisaxe e as historias do lugar”.

Proximamente publicarase a relación de participantes, na que se alternan nomes coñecidos e recoñecidos do noso audiovisual con outros valores emerxentes de dentro e fóra de San Sadurniño. O que si se publicou xa foi o cartel -obra de Irene Ávila Carreira- que este ano tomou como referencia creativa as escolas indianas de Ferreira.

Share.