Aló van tres días de intenso traballo para os grupos de creadoras e creadores que participan na IX edición do Chanfaina lab. E escribimos en presente porque malia chegarmos ao remate da última xornada de gravacións, o encontro audiovisual non remata hoxe. Agora cadaquén deberá poñer en orde o seu material fílmico e sonoro, axeitalo ao guión e montalo para contar a historia elixida. Por diante teñen seis meses, ata a estrea de mediados ou finais de setembro. Ademais tamén hai que contar que o Chanfaina lab aínda nos depara á vota dunhas semanas un obradoiro que tratará precisamente sobre a fase da montaxe.
O taller desenvolverase os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta. O título das sesións é “Despois da rodaxe, tesoira” e nelas abordaranse as técnicas de montaxe posteriores á gravación. Trátase dun obradoiro totalmente gratuíto e para apuntarse hai que chamar ou enviar unha mensaxe de whatsapp ao 616 016 793, ou ben remitir un correo electrónico a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
Por outro lado, o Chanfaina lab seguirá activo tamén uns días máis a través da exposición de case 40 fotografías e carteis de edicións anteriores que pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura até o 30 de setembro.
En febreiro, estreas
O remate desta fin de semana de filmacións viviuse na Casa da Cultura cunha obra teatral inspirada no mundo do cine. Bucanero -Xose Bonome, Sabela Hermida e Pedro Picos- representaron a montaxe “Sesión contínua”, na que se lle rende tributo a unha chea de títulos moi coñecidos -Pulp Fiction, Psicose, 2001. Unha odisea no espazo, etc.- vestida de humor e retranca galega, trazo definitorio da práctica totalidade dos textos que asinaba o desaparecido Lino Braxe.
Mentres se representaba a función na Casa da Cultura, algúns dos equipos convidados este ano aproveitaban as últimas raiolas de luz para gravar os derradeiros planos antes de recoller e marchar cara aos seus lugares de procedencia.
A diferenza doutros anos, os realizadores e realizadoras da casa -NaraíoMedia, Bieto Beceiro, TheSunGirls, Teño unha horta, Fran da Lobeira, Abel Vega, Ángela Arnosa, Kevin Lorenzo, etc.- preferiron pospoñer a gravación dos seus proxectos e volcarse no apoio loxístico a quen chegaba de fóra, ben fose procurándolles localizacións, atrezzo ou protagonistas para as súas historias.
Tanto a xente de aquí como a “venidera” ten por diante seis meses para aquelar as súas montaxes, que non deberían superar os 5 minutos e axustarse a outras recomendacións do Chanfaina lab, como por exemplo a utilización de músicas libres ou das que se posúan dereitos e a de incorporar a imaxe das entidades patrocinadoras, que son o Concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña.
O resultado verémolo a finais ou mediados de febreiro de 2025, cando culminará esta novena edición e comezará, co acto das estreas, o X Chanfaina lab. Ata daquela hai tempo para perfilar ideas, cambialas incluso, e mesmo volver por San Sadurniño para gravar máis imaxes ou unha historia totalmente nova.