O Castelo de Narahío presenta este sábado ao mediodía o cartel do XXX Festival do Río Castro do próximo 5 de xullo

0

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío desvelará este sábado 31 de maio ás 13:00h o deseño do cartel e os grupos musicais da 30ª edición do Festival do Río Castro, que terá lugar na Bóla -ao pé da ponte medieval- o sábado 5 de xullo (ide gardando a data). A presentación volverá optar polo formato de sesión vermú, animada desta vez polo grupo Os Cantaberneiros.

A troula arrancará ás 13:00h no Bar O Campo, situado no lugar do Piñeiro, e seguramente se prolongue toda a tarde entre contos, baile e foliada libre. Ademais sortearase unha lámina do artista gráfico Juanlu Nacha.

Segundo informa a organización, durante a presentación serviranse petiscos con cada consumición e, ademais, tamén se propón “xogar a un xogo de taberna de toda a vida: os chinos ou chinchimoni”.

O Castelo avánzanos que o festival deste ano vai ter unha programación “moi especial” que en certo modo “mirará ás orixes, aló polo ano 1994”. A entidade veciñal destaca que na Bóla -ao pé da ponte medieval- se reunirán o sábado 5 de xullo “nomes moi potentes da nosa música que nos farán pasar unha xornada inesquecible desde o mediodía ata ben entrada a madrugada”.

Quen queira sabelo en primicia deberá acudir este sábado á presentación, ou prestarlle atención á web www.festivaldoriocastro.gal e ás redes sociais do Castelo de Narahío. O XXX Festival do Río Castro contará coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da área de Cultura da Deputación da Coruña, a través da convocatoria anual de axudas para festivais musicais.

Share.