O boletín Novas cambia de formato

0

O boletín Novas leva case dez anos chegando ás casas para informar de axudas, prazos, eventos culturais, festas e outros asuntos de interese relacionados coa administración ou co tecido social do territorio. Hai algunhas semanas publicouse a edición nº 100 e por iso o Concello quixo darlle unha pequena volta ao deseño e aos seus contidos. O obxectivo é que o Novas siga sendo un referente informativo para a veciñanza e que, ademais, sexa máis atraente e cómodo de ler. Por outra banda, o deste mes de xuño tamén estrea formato dixital na plataforma ISSUU, que facilita a lectura en táblets e outros dispositivos móbiles igual que se fose en papel.

O Novas empezou a distribuirse hoxe mesmo e mantén o tamaño folio do anterior boletín así como a impresión en branco e negro. Cambian, iso si, a cor do papel e a maqueta, co que se buscou darlle o aspecto das antigas follas voadeiras e boletíns oficiais, aínda que cunha estruturación de contidos e do deseño que semella máis o dunha revista ou un xornal.

Medra o tamaño das fotos, as datas e lugares dos eventos preséntanse agora cunha chamada visual que aforra tempo de lectura e,  outra novidade importante é que, desde este número, entran no contido outras informacións de relevancia sobre proxectos ou actuacións en marcha da administración local.

Desde o Concello insístese, unha vez máis, en que no boletín tamén teñen cabida os actos organizados polas entidades do municipio. As asociacións veciñais, as culturais, os clubes e as comisións de festas poden dárlle difusión aos eventos que fagan. Para iso abonda con que envíen un correo á conta xenérica correo@sansadurnino.gal indicando de que se trata, as datas e horarios, o lugar e, se son actividades que requiren inscrición previa, tamén os prezos e maneiras de contactar  para que a xente se poida apuntar.

No correo xenérico é conveniente adxuntar fotos ou carteis para ilustrar a información, que tamén se publicará na web e nas redes sociais municipais. Outra opción é mandar unha mensaxe privada ou un cartel a través da páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño.

Do boletín “Novas de San Sadurniño” -coñecido pola veciñanza como “O Novas” a secas- imprímense 1.300 exemplares que se distribúen a todos os domicilios a través de Correos. Para saber se un contido chega en tempo de ser incorporado á revista municipal é moi importante que as entidades teñan en conta que a súa redacción, maquetación e impresión se completa en arredor dunha semana -sempre na primeira quincena do mes- e que, unha vez entregado en Correos, o servizo postal dispón dun prazo de 6 días laborables para repartilo.

Ademais de ir ás casas en papel, o Novas tamén está xa dispoñible en formato dixital na plataforma de publicación ISSUU, que permite lelo comodamente e a toda cor en dispositivos móbiles.

 

Share.