O bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, visitou esta mañá o Concello de San Sadurniño, dentro do percorrido que está facendo pola diocese para coñecer de preto a realidade dos municipios que a integran. O prelado foi recibido por Secundino García Casal na Casa do Concello, onde ambos mantiveron un encontro no que tamén participaron o párroco de San Sadurniño, Javier Santiago Sanmartín, e a concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López. Nel abordaron temas de gran interese para o Concello e para a diocese, como o problema do acceso á vivenda, a situación sociopolítica actual ou o valioso patrimonio arquitectónico e cultural ligado á Igrexa que existe no noso municipio.
O rexedor municipal agradeceulle ao bispo a súa visita e destacou o “bo entendemento e a relación cordial” que existe coa diocese e cos representantes pastorais das parroquias de San Sadurniño. Secundino García tamén lle reiterou o compromiso municipal de seguir “mantendo un diálogo fluído e unha estreita colaboración naqueles temas compartidos, sexan do tipo que sexan, que poidan redundar en melloras para a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
Secundino García Casal agasallou a García Cardiñanos con sete láminas das igrexas de San Sadurniño, reproducidas das acuarelas orixinais pintadas pola ilustradora Blanca Escrigas. De feito, o bispo é o persoeiro que primeiro recibe este novo detalle institucional.
Fernando García Cardiñanos naceu en Burgos en 1968 e iniciou o seu labor sacerdotal en 1993. Desde ese ano ocupou distintos postos na xerarquía eclesiástica, entre eles o de delegado da Pastoral Obreira, até ser ordenado bispo en setembro de 2021, tres meses despois de obter o nomeamento papal para facerse cargo da diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Ademais de bispo de todo o norte galego, García Cardiñanos é presidente da Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade humana e foi membro até o ano pasado da Comisión Episcopal para a Pastoral social e Promoción humana.