O bailarín local Mateo Couce abre oficialmente este venres a novena edición do Chanfaina lab

0

O IX Chanfaina lab arrancará este venres ao mediodía coa recepción dos e das participantes na presente edición, que tralo xantar farán unha visita cultural ao castelo de Naraío. As primeiras horas do encontro audiovisual estarán dedicadas por enteiro á toma de contacto co territorio por parte das creadoras e creadores e non será ata as 20:00h cando o Chanfaina ofreza a primeira actividade aberta ao público na Casa da Cultura. A esa hora está posta a Eira de cineastas, na que teremos oportunidade de coñecer ás realizadoras e realizadores que veñen este ano, ademais de ver un anaco do se traballo. Porén, antes do empezo será outro artista local, o bailarín Mateo Couce, quen lle dea a benvida a participantes e público mostrando as razóns que fan del unha das grandes promesas estatais da danza contemporánea.

Mateo Couce, nado no 2006, comezou a bailar con tan só 3 anos e xa desde ben pequeno deixou entrever actitude e aptitude para a expresión corporal, destacando sempre nunha nos grupos de danza e ximnasia rítmica aos que aquí, en San Sadurniño, lle deron pulo tanto o Club como a Asociación cultural Brío.

Ao longo da súa aínda breve pero intensa carreira, Mateo pasou por distintas escolas da zona e aos 15 anos trasladouse á cidade de Lugo para cursar os estudos profesionais  de Danza Contemporánea no
Conservatorio Profesional da cidade. Neste centro acadou este ano o Título Profesional de Danza na especialidade de Danza Contemporánea.

A comezos do verán, Couce presentouse  ás probas de acceso aos estudos superiores no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila de Madrid, un dos máis prestixiosos de España. No proceso selectivo do centro acadou unha das prazas que lle posibilitarán continuar coa súa formación dancística na especialidade de “Coreografía e Interpretación”.

Bailarín de danza contemporánea, posúe unha capacidade excepcional para a interpretación escénica e un talento innato que, sumado á súa capacidade de traballo, lle aseguran unha carreira moi prometedora no ámbito da danza contemporánea.

Na apertura da Eira de Cineastas -este venres ás 20:00h na Casa da Cultura- Mateo couce bailará a montaxe “Nightmares” -extracto do filme “Young Men”- a xeito de aurresku de benvida para as creadoras e creadores participantes e para o público que asista ao arranque do encontro audiovisual.

Share.