O Apóstolo Santiago achégase a Terra de vida

0

Rapazada do colexio Apóstolo Santiago visitou este martes a zona da Cortiña e dos xardíns municipais dentro do programa de interpretación ambiental Terra de Vida, un proxecto que pon a disposición dos centros de ensino e das familias unha maneira distinta de descubrir a zona e, de paso, aprender sobre sostenibilidade e consumo responsable. Neste sentido, o alumnado de 1º e 2º do colexio compostelán participou nun percorrido guiado que incluiu, ademais, obradoiros “para explorar a través dos cinco sentidos” a riqueza ambiental e agroecolóxica da ribeira do Xubia. A actividade estivo guiada pola cooperativa Rexenerando, responsable técnica de Terra de vida, que ten abertas as reservas para próximos itinerarios a través do correo info@rexenerando.com ou do teléfono 604 033 515 .

O Concello de San Sadurniño puxo en marcha Terra de vida hai algo máis dun ano como ferramenta de divulgación dos espazos verdes do municipio.  Trátase dunha nova liña de traballo coa que dar a coñecer e dinamizar os recursos ambientais e agroecolóxicos da contorna urbana (arboreto, horta de froiteiras, apiario e fraga máxica) e tamén os xardíns e máis o pazo da Marquesa.

Un obxectivo que se concretou na edición e publicación de material gráfico sobre os itinerarios e, máis que nada, na programación de percorridos guiados e obradoiros didácticos que poden solicitar tanto centros de ensino como familias e outros grupos organizados.

Iso mesmo foi o que fixo o CEIP compostelán Apóstolo Santiago, quen trouxo desde a capital de Galicia os seus alumnos e alumnas de 1º e 2º para participar nunha actividade de educación ambiental e consumo responsable dirixida a alumnado de primaria “na que explorar a través dos cinco sentidos os espazos verdes de San Sadurniño: O Pazo e xardíns da Marquesa, o olimpo galaico e o pozo dos donceis, a horta de froiteiras e apiario e o arboreto galego”, explican desde a Cooperativa Rexenerando.

Segundo Paola Bermúdez, unha das integrantes do proxecto cooperativo, no percorrido realizado o martes pola mañá, a rapazada e o profesorado “puideron imaxinar a Natividad Quindós paseando polo seu pazo, ademais de coñecer as lendas asociadas ao cauce do Xubia e abraiarse coa cantidade de maciñeiras que recuperou a xente de AGFA Eume”.

O itinerario incluiu tamén a degustación de distintos tipos de mel e o descubrimento das sete formacións boscosas representadas no arboreto de especies autóctonas da Cortiña. Porén, un dos momentos en que as nenas e nenos mellor o pasaron foi durante o tempo libre para brincar na Fraga Máxica, un dos principais atractivos para público familiar das zonas verdes da ribeira do Xubia.

Un plan fantástico para unha mañá moi entretida e didáctica que as familias interesadas e os colexios poden programar cando queiran, abonda con contactar co proxecto a través do correo info@rexenerando.com ou do teléfono 604 033 515.

 

Share.