O Aldebarán tamén se suma á conciliación cun campus de volei para a rapazada

0

Do 4 ao 22 de xullo vai desenvolverse no pavillón municipal en horario de mañá o “Campus de Verán – San Sadurniño Deleite” organizado polo Club Voleibol Aldebarán. Trátase dunha proposta pensada para seguir ampliando a base do equipo e para que a rapazada máis pequena que xa forma parte del estire un mes máis a práctica da disciplina antes de tomar unhas vacacións en agosto. Porén, o campus é tamén unha posibilidade de conciliación para as familias alternativa ao programa municipal Aldea de Verán que comeza este venres.  Para anotarse no campus de volei hai que enviar un correo a campusveransansa@gmail.com ou chamar ao 638 616 767.

O Club Voleibol Aldebarán programou o seu campus dunha maneira moi parecida a como se estruturan os campamentos urbanos que ofrecen os concellos, propoñendo varias opcións de entrada e saída adaptadas ás necesidades das familias.

O horario xeral é de 10 a 13:00h cun prezo de 60€. A partir del, as nais e pais poden solicitar a entrada da rapazada unha hora antes -de 9:00 a 13:00h- pagando 20€ máis (80€ en total), ou ben retrasar unha hora a saída -de 10 a 14:00h- pagando o mesmo importe. Mesmo se pode ampliar o horario por arriba e por abaixo, de 9:00h a 14:00h, pagando unha matrícula de 90€.

Iso si, as nenas e nenos que xa estean xogando na base do Aldebarán terán un 50% de desconto no prezo do campus.

Búscase que a rapazada aprenda as regras e o funcionamento deste deporte xunto coas técnicas de control do balón e as distintas posicións na pista. Todo concibido máis como un xogo que como un adestramento propiamente dito, co que se pretende que os nenos e nenas participantes vaian colléndolle gusto ao volei pouco a pouco.

As idades de participación están comprendidas entre os 5 e os 16 anos, facendo rutinas adaptadas a cada idade e tamén grupais. Ás cativas e cativos entregaráselles cadansúa camiseta da actividade e ao longo de todo o campus -que se prolongará do 4 ao 22 de xullo de luns a venres- tamén recibirán a visita de varios xogadores da Superliga, quen lles darán consellos e axudarán a mellorar a súa técnica.  Até o pavillón tamén se achegarán promesas, como por exemplo Julio Anidos, Anxo Fojo ou Samuel López, que hoxe mesmo se estrean coa Selección Galega Infantil no Campionato de España por autonomías que se disputa en Valladolid.

O club local ideou o campus como unha alternativa máis de conciliación, pero tamén como un xeito de captar novo talento para a súa canteira sen limitarse só a San Sadurniño, posto que esta actividade está aberta tamén a xente de fóra do municipio.

Para un correcto desenvolvemento das actividades fixouse un tope de 40 participantes. O Aldebarán recolle inscricións ata este venres a través do 638 616 767 ou do correo campusveransansa@gmail.com.

 

Share.