O Aldebarán recibe este sábado ao CV Teruel

0

Nova oportunidade de gozar do volei do máximo nivel sen ter que saír de San Sadurniño. O sábado ás 17:30h, o equipo de Superliga do Aldebarán recibe “no noso Templo” ao  CV Teruel, equipo en teoría asequible -vai na metade da táboa- que chegará cos ánimos subidos tras mallar hai escasos días no líder, o CV Las Guaguas. O Intasa sairá de novo a gañar, na busca duns puntiños moi necesarios que compensen nesta segunda volta os malos resultados obtidos na primeira. Ao seu favor terá un plantexamento de xogo moi efectivo que lle valeu hai dúas semanas para remontarlle un 0-2 ao Emevé Lugo. E, por suposto, tamén agarda contar coa calor dun público que sempre responde nos momentos decisivos.

O Aldebarán-Intasa contaba con aproveitar a inxección de moral recibida no partido contra os lugueses para saír “a muerte” no encontro que debía disputar o sábado na casa do Almería. Porén, o partido tivo que suspenderse por positivos COVID-19. Tamén se adiou o que ía xogarse onte mércores no municipal contra o Rotogal Boiro, de modo que a adrenalina dos partidos semanais que mantén os xogadores en alerta tivo que suplirse por traballo no ximnasio e no pavillón.

O sábado terán diante ao Club Voleibol Teruel, un deses equipos que nunca se sabe por onde van saír e que chega co aval da regularidade que o mantén nunha posición cómoda no medio e medio da táboa. A Superliga é cousa de catro na cabeza, cun Las Guaguas que marcha enriba de todo seguido de preto polo Melilla e algo máis lonxe polo Unicaja Costa Almería e o Río Duero Soria.

Despois dos sorianos están os tres do medio -Manacor, Palma e Teruel-, case parellos a puntos e, xa na metade inferior, os cinco entre os que, a priori, se decidirá a permanencia: un Rotogal Boiro tranquilo cos 16 puntos que xa leva colleitados a estas alturas da liga, o Leleman Valencia con 14, o Arenal Emevé de Lugo con 13 no hórreo e, pechando, un Ibiza con 9 puntos, catro máis que o colista San Sadurniño.

Queda aínda moita competición  e o Aldebarán-Intasa non pode deixar escapar ningún punto para ir agatuñando postos. Tralo encontro deste sábado co Teruel, o martes da semana que vén os azuis viaxarán á casa do Almería para recuperar o partido adiado. Pode pasar de todo, pero seguro que será un enfrontamento intenso, motivado no caso dos visitantes pola obriga de regresar cuns puntos vitais e no caso dos anfitrións pola ansia de afianzar posicións na parte alta da táboa. Catro días despois, o sábado 19, tocará visitar ao Manacor, outro dos correudos.

 

Share.