O Aldebarán peta na mesa no seu primeiro partido da fase de ascenso á Superliga

0

“Intenso” e “espectacular”, eses son os dous cualificativos que se lle poden poñer ao partido xogado esta mañá polo Aldebarán-Intasa San Sadurniño e o Arona Intersport. E non o dicimos nós, dixérono en repetidas ocasións os comentaristas da emisión en streaming da Real Federación Española de Voleibol. Non foi para menos, posto que os dous contrincantes ofreceron un encontro con todos os ingredientes dunha grande final ou, se se quere, un inicio, un desenvolvemento e un desenlace á altura das mellores historias épicas. O partido comezou cun primeiro set lento e de clara superioridade canaria que inducía a pensar nunha victoria doada do Arona. Pero como ocorre tantas veces no volei as cousas non son como empezan, senón como acaban. O Intasa soubo manexar ben a presión e logrou virar o partido desde o minuto un do segundo set. E xa non pararía -salvo algunhas dúbidas ao final do terceiro parcial- ata pechar o marcador por un 3-1 que arrecende a aviso a navegantes sobre as posibilidades reais de volver á máxima categoría do volei estatal. A seguinte cita da fase de grupos, hoxe á tarde a partir das 19.00h. con outro óso duro de roer: o Leleman Valencia.

O emparellamento da fase de ascenso fixo que o Aldebarán Intasa tivese que medirse nos seus dous primeiros partidos aos líderes do Grupo B e do Grupo A da liga regular e, ademais, facelo o mesmo día xogando un partido pola mañá e outro pola tarde.

A metade do choio xa quedou feita pouco despois das 14.15h. coa victoria perante o Arona Intersport. O choque arrancou con marcador favorable para o equipo canario que, malia impoñerse por uns escasos tres puntos de diferenza (22-25), mostrou un xogo superior á escuadra de Hernán Pesci.

O segundo dos sets disputados foi outro cantar, cun Intasa que imprimiu rapidez nos primeiros compases indo sempre por diante e con certa marxe até chegar case ao ecuador -puxéronse 11 a 11-, momento no que os puntos empezaron a xogarse arriscando ambas formacións nos saques e onde os líberos dos dous equipos brillaron con luz propia. Foi un set un tanto anárquico que, finalmente, caeu do lado do Intasa por 25/19.

Empate no marcador e a sensación de que o partido sería longo -os comentaristas bromeaban sobre o tarde que terían que comer a paella-, e máis aínda vendo como se desenvolveu o terceiro set. Comezou tamén moi igualado con punto para un lado e punto para o outro. O Aldebarán logrou coller vantaxe no tramo final aplicando unha táctica de xogo menos impulsiva e un chisco máis lenta e precisa nos saques. Porén, o Arona soubo reaccionar e apretar as cousas máis da conta chegando a forzar un tie-break que se decidiría con puntos longos salvados in-extremis por ambos equipos. Este terceiro set -o penúltimo- foi tamén para o Aldebarán.

O 2-1 supuxo o despregamento de todo o espectáculo que é capaz de ofrecer o Intasa cando está cómodo na pista e, sobre todo, cando lle colle a medida ao seu opoñente. O ensaiado no anterior traduciuse nun maior empaque na pista, maior efectividade en recepción e ataque e nun xogo dirixido desde o lado azul que hoxe se estreou xogando de negro. O comezo do set foi parello, pero o Aldebarán non tardou en pisar o acelerador deixando atrás a un Arona tocado de moral e sometido a un bombardeo constante desde o outro campo. No Intasa brillaron todos, aínda que o fixeron especialmente Pakito, Portero, Blanco e Marlon Mendoza. O contador parcial do set acabou cun contundente 25-12 e a sensación de que o Aldebarán é un dos firmes candidatos ao ascenso.

A segunda proba tena hoxe á tarde contra o Leleman Valencia, que xoga na casa e quere completar o aforo permitido do pavillón (90 espectadores) cos seus seareiros e seareiras. O factor público pode ser determinante, pero se o Aldebarán volve exhibir un xogo coma o do último tramo do partido desta mañá seguramente non teña problema en certificar a segunda vitoria do día. Verémolo ao vivo a partir das 19.00h. a través da canle da RFEVB.

 

Share.