O Aldebarán-Intasa buscará esta fin de semana en Cantabria a súa terceira Copa Príncipe

0

A localidade cántabra de Cabezón de la Sal acollerá desde este venres até o domingo a disputa dunha nova edición da Copa Príncipe, o torneo que enfrontará os seis equipos mellor clasificados trala primeira volta da Superliga Masculina 2 de volei.  A Textil Santanderina recibirá como anfitrioa ao Ibiza Voley, ao CV Utrera, ao Instercap Asisa Tarragona SPSP, ao cvleganés.com e ao Aldebarán-Intasa San Sadurniño, quen tentará traer para a casa un trofeo que xa ganou en 2016 e en 2021.

Igual que as edicións anteriores, a primeira etapa do campionato consistirá nunha pequena fase de grupos, onde os dous mellores equipos de cada un deles  pasarán a xogar as semifinais na tarde do sábado, ás 18:00h e ás 20:15h.  Finalmente, os gañadores de ambas as semifinais loitarán polo título de campións na mañá do domingo ás 12:00h.

Os enfrontamentos poden consultarse no microsite da XVII Copa Príncipe. O Grupo A está conformado pola Textil Santanderina, o Ibiza e o CV Utrera. O Grupo B intégrano o cvleganes.com, o Instercap Asisa Tarragona e o Intasa, cuxo primeiro encontro -contra os madrileños- xogarase mañá venres ás 10:00h. O seguinte téñeno o sábado ás 9:45h contra os cataláns.

Ademais de fotos, resultados e informacións que vaian producíndose durante a competición, na web tamén se poderá seguir os partidos ao vivo, na canle oficial de Youtube de Onda Occidental TV.

Sobra dicir que o Aldebarán-Intasa compartirá as emisións nas súas redes sociais para que toda a afección poida seguir a participación local na copa. O equipo de Parga acode á cita nun excepcional estado de forma, despois de finalizar a primeira volta da SM2 como segundo clasificado no Grupo A -por detrás da Textil Santanderina- e de aplicarse a fondo nos últimos días tanto na parte física como na da estratexia.

O seu obxectivo da escuadra azul non é outro que traer para San Sadurniño a terceira Copa Príncipe, que se sumaría ás obtidas en 2016 e 2021, así como ao subcampionato do 2017.

Share.