O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este xoves as instalacións gandeiras da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña situadas en Santa Mariña do Monte, de onde sae a materia prima para Bico de Xeado. Un proxecto que o Goberno galego considera un modelo de modernidade, sustentabilidade e transformación do leite en Galicia. Durante o percorrido pola granxa A Esperanza, Rueda puxo en valor o cooperativismo e a capacidade do sector para xerar valor engadido no territorio, mentres que o alcalde, Secundino García Casal, aproveitou a presenza do presidente autonómico para reclamar un programa específico de vivenda para o rural que axude a fixar poboación e garantir o futuro das parroquias.
Rueda percorreu as instalacións da granxa A Esperanza acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez; polo presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, José María Calo; e por parte da corporación municipal. A explotación forma parte da cooperativa propietaria da marca Bico de Xeado, unha iniciativa que transforma en Galicia a materia prima producida na explotación e que conta xa con 30 xeaderías repartidas polo país e por outras partes do Estado.
Durante a visita, o presidente da Xunta destacou que Bico de Xeado representa “o futuro sólido e competitivo do rural galego”, cun modelo baseado en granxas modernas, eficientes e vinculadas ao territorio. Salientou que a transformación do leite en produtos elaborados achega valor engadido á produción primaria e permite que esa riqueza permaneza en Galicia, ao tempo que se aposta polo benestar animal e polo respecto ao medio ambiente.
Pola súa parte, José María Calo repasou a evolución da cooperativa e o proceso de ensaio e erro que levou a consolidar un modelo de explotación que hoxe é visto como referente. A granxa destaca tanto polas condicións laborais do seu persoal como polo elevado nivel de tecnificación e coidado do gando, con sistemas automatizados de alimentación e control que puideron coñecer durante o percorrido polas instalacións.
Na súa benvida, o alcalde, Secundino García Casal, agradeceu a visita dos presidente e da conselleira do ramo para, deseguido, facer unha reflexión sobre o problema do despoboamento do rural. Un fenómeno “evitable” que ten moito que ver “con decisións políticas que se toman ou que se deixan de tomar”. Para o rexedor, unha das prioridades debería ser reforzar os sectores produtivos que manteñen vivo o territorio e contribúen a fixar poboación. “Cando falamos dunha granxa non estamos a falar só de litros de leite ou de cabezas de gando; estamos a falar de xente que mantén viva unha parroquia”, sinalou.
A reivindicación central da súa intervención foi a necesidade dun programa específico de vivenda para o rural que permita recuperar o amplo parque de casas abandonadas e poñelas no mercado con apoio público. García Casal considera que sen unha política ambiciosa neste ámbito “será difícil” atraer nova poboación e consolidar proxectos empresariais e agrogandeiros como os que promove a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Ao remate da súa intervención o alcalde resumiu esa idea nunha mensaxe clara: “O rural non pide caridade, pide xustiza; apoios e políticas públicas valentes e coherentes”.
Secundino García Casal tamén puxo o foco na necesidade de fortalecer o sector primario con “máis innovación, capacidade de transformación e diversificación”, para que o valor engadido dos produtos se xere e permaneza no territorio. Na súa opinión, o rural non pode ser visto como un espazo inmóbil nin condenado a sobrevivir, senón como “un ámbito con capacidade para producir, transformar e incorporar coñecemento”.
Rueda aproveitou a visita para reiterar o compromiso do Executivo galego co cooperativismo e coa modernización do sector agrogandeiro, lembrando que a Xunta está a tramitar unha nova Lei de cooperativas de Galicia co obxectivo de actualizar o marco normativo, facilitar o emprendemento rural e reforzar un modelo que supera as 2.000 cooperativas activas.
A visita á granxa A Esperanza pechouse cunha degustación de diferentes variedades de Bico de Xeado, elaboradas a partir da materia prima producida na propia explotación de San Sadurniño, que proximamente ampliará as súas instalacións de recría cun novo establo que se situará no lugar da Lomba. As novas cortes e o seu equipamento auxiliar -silos, plataformas e foxo- permitirán atender atender até 600 xovencas das razas Holstein e Jersey.

Un intre da visita ás instalacións da Esperanza