O 32º Rallye Cidade de Narón volve traer un tramo a San Sadurniño

0

Ferreira e Igrexafeita son as zonas elixidas pola Escudería Siroco para a disputa este sábado 15 de xuño dun dos tramos cronometrados do Rallye Cidade de Narón. Son exactamente dez quilómetros e medio que se percorrerán nun 20% nas Somozas e o resto xa en territorio de San Sadurniño, onde a competición entrará por Amido para logo subir até a Chabola e desde alí encamiñarse a Igrexafeita seguindo a pista que baixa aos Pontigos e que sobe despois até a Fraga e a Penalonga. Este trazado farase tres veces ao longo do día, polo que a circulación se cortará ás 9.15h., ás 13.30 e ás 17.45h., volvendo abrir en cada caso tralo paso do último vehículo en carreira.

Na proba deste ano hai 130 vehículos  inscritos, con nomes tan coñecidos coma o de Víctor Senra, Alberto Meira e Iago Caamaño -xunto cos seus respectivos copilotos- principais favoritos en todas as quinielas a bordo dos seus coches da categoría R5, os máis preparados e moi similares aos da categoría raíña, a WRC.

Xusto por detrás, cos novidosos grupos N6 e N5, atópanse o dúas veces vencedor da carreira Luis Vilariño, Roberto Rendal e Manuel Sandamil, ademais do nutrido grupo das Copas que promove a FGA e a sempre maioritaria presenza dos equipos da comarca, entre eles a Escudería Moeche. Cunha ducia de coches en competición será unha das que máis contribua á vistosidade da proba, facéndoo ademais con algúns pilotos e copilotos de San Sadurniño.

O rally consta de catro tramos. O primeiro é un eslálom esta mesma tarde -19.50h.- nos arredores do Pazo da Cultura de Narón. Os outros  -A,B e C- rodarán mañá sábado por Cerdido, As Somozas e San Sadurniño, tendo que facer tres pasasadas por cada un deles.

O de Ferreira é o C, denominado Talleres Pasuco, quizais un dos máis espectaculares. Percorrerá dous quilómetros nas Somozas e o resto ata completar os 10,5 totais serán xa en territorio de Igrexafeita e Ferreira. Entrarán pola ponte de Amido, logo subirán até o Hedreiro e Caínce e seguirán ruta pola estrada provincial, á que se incorporan nun dos puntos que habitualmente xunta máis público (a famosa curva de Ferreira).

Aos poucos metros enlazarán na Chabola cun pequeno eslálom do que sairán desfacendo camiño para conectar coa pista que baixa aos Pontigos pasando ao carón da área recreativa do muíño de Tembrás. Porén non chegarán até ese lugar de Ferreira de abaixo, senón que antes se desviarán á esquerda pillando a estrada que sobe até A Fraga, lugar que se encontra a escaso medio quilómetro da Penalonga -Igrexafeita outra vez-, onde se atopa o final do tramo, no lugar da Penalonga.

Quen aguante a tralla do rally repetirá en tres ocasións todo este percorrido a distintas horas, xa que os tramos se irán alternando ao longo da xornada. Así, a primeira pasada está prevista para as 10.15h., a segunda para as 14.30h e a última empezará ás 18.45h.  Por este motivo, todo o trazado pecharase ás 9.15h., ás 13.30h. e ás 17.45h., volvéndoo abrir á circulación tan pronto como pase o “coche escoba” tralo último participante de cada rolda.

Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público. Tamén se pide precaución nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira. As razóns destas recomendacións son principalmente dúas: unha, a de garantir que non se produzan incidencias durante o desenvolvemento da proba -ou nos desprazamentos para vela- e, outra, que no caso de haber algún accidente grave os servizos de emerxencias teñan un acceso doado a calquera punto. De aí a importancia de estacionar correctamente e de seguir ao pé da letra as recomendacións.

Outra petición que se fai desde o Concello e a organización ten que ver máis co civismo: non debe deixarse lixo por razóns obvias e, ademais, porque a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

Web do 32 Rally Cidade de Narón
Mapa en Google Earth cos tramos da proba

mapsnaron

 

Share.