Naraío celebra este sábado o XXXI Festival do Río Castro

0

Campeiras segadas, espazo para as merendas delimitado, aparcamentos listos, escenario e bochinche montados… A falta dalgúns detalles loxísticos, case todo está preparado en Naraío para a grande festa da música galega que é o Festival do Río Castro. Unha cita que vai xa pola 31ª edición e que combina como ningunha a reivindicación da nosa cultura -entendida como música, fala e xeito de ser- e a esencia dunha romaría de toda a vida. A AVV O Castelo de Narahío, organizadora do festival, programou actividades desde mediodía até a madrugada dunha xornada que promete bo tempo e temperatura agradable á sombra dos amieiros do río. Para esta edición convidaron aos Meninos do pandeiro, ás Armadanzas, a Algarabía, aos Carecos e, como peche da noite, a Tiruleque. O Concello de San Sadurniño colabora cunha axuda nominativa de 6.500 euros e con apoio loxístico. Ademais, este ano o festival tamén será escaparate do programa “A Paisaxe que sabe” da área de Turismo da Deputación da Coruña. 

A estas alturas, e despois de máis de tres décadas de festivais, o do Río Castro practicamente non precisa presentación máis aló dos grupos, posto que desde as súas orixes mantén practicamente invariable a súa estrutura. E é que se as cousas funcionan, para que andar tocando?.

A clave do éxito deste festival é o seu concepto de pequeno formato e orientado a público principalmente familiar, aínda que sen pecharse a outros perfís, para quen se deseña unha programación que ocupa boa parte do día e da noite.

Este ano a troula arrancará sobre as 14:00h cunha sesión vermú moi orientada ao baile e animada polos Meninos do pandeiro -Xan Pérez e Carlos Quintá-. Despois, a partir das 15:00 ou 15:15h, farase unha parada para o xantar e haberá enredos tradicionais estrados polo campo do festival para que a rapazada estea entretida durante as primeiras horas da tarde. Sobre as 17:30h serán as Armadanzas -Mercedes Prieto e Montse Rivera- quen reanuden a parte musical cun obradoiro para toda a familia no que se xuntarán bailes, contos e teatro.

Un dos momentos máis agardados adoita ser o das competicións de deporte rural, que empezarán ás 18:30h, coas tres propostas habituais: chave, corte de toradas con tronzador e tiro á corda. Tres disciplinas que desde hai uns anos se disputan en equipos mixtos e paritarios en canto a sexos.

Se todo vai sobre o programa horario previsto, o festival terá un pequeno parón a partir das 20:30h para merendar algo e cargar as pilas de cara ás actuacións da noite, que empezarán ás 22:30h coas cantareiras de Algarabía. Un grupo vocal maioritariamente feminino que, segundo parece, está ultimando os detalles dunha actuación preparada case en exclusiva para o Festival do Río Castro. O segundo grupo convidado, con voces neste caso masculinas e tamén da comarca, serán Os Carecos. Pecharán a noite os ritmos dos veteráns e sempre solventes Tiruleque.

Todo o que hai que saber do festival está dispoñible na súa web, onde tamén se informa das zonas de aparcamento e acampada, ademais doutras cuestións que tamén se deben ter en conta, como por exemplo a prohibición de facer lume e barbacoas, a petición de que as foliadas espontáneas preto do escenario non interfiran nas probas de son nin nas actuacións e, tamén importante, que se evite machacar ao persoal con altavoces a todo trapo con chunda-chunda, reguetones e bachatas  “que non veñen moito ao caso e para os que hai outros días e tamén outras festas”.

Segundo O Castelo de Narahío, o Festival do Río Castro volve andar este ano nos 20.000 euros de orzamento, que a entidade sufraga con recursos propios e tamén cun convenio nominativo de 6.500 euros co Concello de San Sadurniño, que tamén colabora achegando colectores do lixo e outro equipamento loxístico. Ademais, como novidade, esta 31ª edición tamén loce o distintivo  “A paisaxe que sabe”, promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña que dirixe Xosé Regueira. Un selo creado para agrupar baixo un mesmo paraugas produtos agroalimentarios, empresas de transformación, distribuidoras e establecementos hoteleiros e de restauración comprometidos coa sostenibilidade.

Share.