“Mulleres que”, de Micaela Campanini, inaugura a celebración do 8M en San Sadurniño

0

Encaramos a semana central do 8M, os días en que os concellos de toda a volta programan ducias de eventos co obxectivo de continuar visibilizando a muller e sensibilizando á sociedade sobre os cambios que aínda cómpre facer para alcanzar unha igualdade plena. No caso de San Sadurniño a celebración do acto principal trasladarase -como vén sendo habitual- para finais de mes, concretamente para a tarde do domingo 27, aínda que antes daquela haberá outras citas encadradas no Día Internacional da Muller. A primeira está fixada para este martes ás 12:30h na Casa do Concello coa lectura da declaración institucional aprobada no pleno extraordinario do venres, seguida da inauguración da exposición “Mulleres que” da creadora local Micaela Campanini. A mostra xa está instalada na galería do primeiro andar e repasa nunha vintena de láminas os rostros, as vidas e os logros doutras tantas mulleres en favor da igualdade de dereitos, ben como activistas ao longo da historia dese cambio social aínda en marcha, ben como exemplo de afirmación feminina e feminista na época que lles tocou vivir. 

Micaela Campanini é veciña do Camiño Arriba, onde traballa na empresa familiar de planta ornamental. Porén, a súa afección e formación están máis relacionadas coa arte e a creación publicitaria. Desde pequena mostrou aptitudes para o debuxo e despois acabou cursando estudos de Publicidade en Pontevedra.

Malia que finalmente non se dedicase profesionalmente ao mundo publicitario, a súa etapa formativa serviulle para perfilar máis as súas habilidades para conceptualizar ideas e a ansia por darlles forma visual a través de proxectos propios. “Mulleres que” é un deles, xurdido da combinación de arte, dun certo activismo feminista e da procura dos seus referentes. “É unha busca deses referentes que me faltaban”, asegura Campanini, quen pretende transmitir coa exposición “que antes ca nós houbo outras mulleres que loitaron polos nosos dereitos, e outras moitas dentro da literatura, a medicina, a avogacía que nos achaiaron o camiño ás mulleres para estar onde hoxe estamos”.

A cousa empezou hai catro anos case como un entretemento ao que pouco a pouco Micaela lle foi dedicando máis tempo de investigación biográfica, lendo obras e indagando sobre cada figura. “Empecei informándome sobre algúns nomes porque me interesaban e a partir de estudalas a elas empezas a encontrar a outras e cada vez vas abrindo máis o círculo e incorporando outras pendentes de estudo”.

Dese profundo coñecemento dos referentes buscados foron xurdindo aos poucos láminas debuxadas a man alzada no ordenador, caracterizadas pola sinxeleza do trazo e pola intencionalidade de capturar un retrato persoal que recollese dalgún xeito a forza interior de cada unha das protagonistas, ademais de deixar constancia de ata que punto foron avanzadas no seu tempo.

Hai moitas, pero Campanini queda con tres: Clara Campoamor, Concepción Arenal e Federica Montseny. “Ao final é coma se as adoptase e as quixese a todas un pouquiño. Pero Clara Campoamor, por exemplo, interesoume moito e implicoume moito emocionalmente porque é unha muller que fixo realidade uns dereitos que despois tardamos moito en recuperar, coma se nunca existisen, por exemplo o divorcio, o dereito a voto. Ou Concepción Arenal que dicía que a través da educación as mulleres era como nos iamos liberar, e dicíao en 1840 cando nin sequera se comprendía que as mulleres puidesemos cursar estudos superiores. Ou tamén me pasa con Federica Montseny, autora en 1930 da primeira lei do aborto en España e unha das primeiras de Europa, quen falaba sobre a liberación sexual da muller, da elección de ser nai ou non… pensamentos que a día de hoxe aínda hai xente que non os entende e ela hai practicamente 100 anos levounos a un debate político e todo iso quedou no esquecemento. É impresionante que a día de hoxe moitas feministas esteamos loitando porque se recoñezan eses dereitos”, asegura a ilustradora.

Canda a colocación das láminas, Micaela ultimaba esta mañá outros detalles da exposición, como por exemplo as reseñas da súa importancia na historia feminista e un cronograma visual que sitúa a cada muller no contexto social e temporal da época en que viviu.

“Mulleres que” ten conta de seu en Instagram (@mujeresque__) e tamén vai converterse nunha web que amplie o horizonte virtual do proxecto. Campanini incluso quere  que sexa un sitio participativo “que poida incorporar máis nomes” propostos polas persoas usuarias sobre os que ela se compromete a investigar e reinterpretar con textos e debuxos.

Máis citas para as próximas semanas
“Mulleres que” inaugurarase este martes 8 de Marzo pouco despois das 12:30h nun acto aberto ao público que irá precedido da lectura da Declaración Institucional aprobada por unanimidade no pleno do venres, que pon o acento nesta ocasión nas desigualdades laborais, a precariedade e a fenda salarial, acrecentadas nos últimos dous anos pola situación de pandemia.

Malia que a lectura do manifesto está programada para mañá, o acto central do 8M desenvolverase o domingo 27 de marzo na Casa da Cultura coa proxección do filme “Nación”, de Margarita Ledo, seguido dun coloquio coa directora e a produtora do filme. O evento abrirao e pecharao a frautista local Erika González.

Antes daquela, as actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade orientaranse principalmente ao alumnado do CPI, a quen se dirixe o pase da película “As tres caídas de María Santiso” -o 22 de marzo ás 9:30h para 4º da ESO-, a visita guiada á exposición “Mulleres que” prevista para o día 24 -con participación da rapazada de 2º da ESO- e o obradoiro “Mulleres que nos constrúen”, que se desenvolverá nos cursos de 1º a 6º de Educación Primaria desde o luns 14 até o xoves 17. Esta última proposta -coordinada por Tarabela Creativa- convida á rapazada a traballar sobre a visibilización da muller a través da escritura de relatos. A actividade conta con financiamento dos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Share.