“Mulleres da Galicia máxica” percorrerá os locais sociais de San Sadurniño desde mediados de novembro

0

A celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais o pasado sábado en San Sadurniño deu para moito. Na Casa da Cultura reuníronse preto de medio cento de persoas para asistiren ao espectáculo “Tabú”, no que a actriz e guionista Carmen Conde e a cantante Nastasia Zürcher -premio Artista do Ano nos Martín Códax da Música 2022- presentaron unha proposta íntima cargada de humor e sentimento para revisar os distintos tabús arredor do sexo na Galicia doutro tempo, recollidos por Conde como testemuños en primeira persoa a través de conversas con mulleres de entre 75 e 96 anos. Alén do espectáculo, que foi seguido dun pequeno coloquio, o Concello tamén mostrou o cartel da mostra fotográfica “Mulleres da Galicia máxica”, promovida polas áreas de Igualdade e Cultura con imaxes tomadas pola concelleira e fotógrafa profesional Araceli Bellas. As protagonistas son 127 mulleres de San Sadurniño, “mulleres da aldea” que reivindican con fachenda o ser mulleres do rural e mulleres libres. A exposición comezará a circular polas parroquias de San Sadurniño o próximo 12 de novembro.

A presentación de “Mulleres da Galicia máxica” ocupou os últimos minutos da celebración do 15 de outubro, marcado pola ONU como Día Internacional das Mulleres Rurais como maneira de facer un chamamento, unha vez máis, á igualdade plena e a apostar decididamente desde todos os ámbitos para reducir esa grande fenda que se manifesta en desigualdades de todo tipo -salariais e laborais, sociais, de recoñecemento, de submisión sexual, etc.- e que é máis profunda aínda nas contornas rurais.

A exposición fotográfica é un proxecto compartido das concellarías de Cultura e Igualdade. Máis ben un proxecto persoal de Amparo Calvo e Araceli Bellas, responsables políticas de ambas áreas que nos dous últimos meses foron quedando con grupos de mulleres de todas as idades e de todos os lugares de San Sadurniño para retratalas en grupo en “espazos máxicos” do territorio pola súa beleza ou por ser pouco coñecidos, convertidos neste caso en escenario acaído de sesións fotográficas que en último caso procuraron reflectir a sororidade ancestral e o poder das mulleres da aldea e orgullosas de ser da aldea.

“Non hai moito tempo alguén díxome: ‘Oh, pero tú eres de la aldea?, pues no se te nota’. E eu resposteille: ‘e logo, as mulleres da aldea temos que andar coa gorra do Fertimón para que se nos note?” exemplificou  con retranca Araceli Bellas para xustificar un proxecto que, “por comentarios así e por outros motivos, é moi necesario para conseguir que se nos vexa como somos, como mulleres do século XXI, fortes, capaces… mulleres que non somos menos que ninguén”.

A exposición está composta por 17 fotografías de grande formato que estrearán a súa andaina o próximo 12 de novembro no local social de Lamas. Amparo Calvo explicou que a intención do Concello é ir levando “Mulleres da Galicia máxica” por todas as parroquias “con estadías duns 10 días en cada unha delas e complementándoas con obradoiros que tamén irán cambiando a temática de parroquia en parroquia”.

A data que xa está pechada é a de Lamas -do 12 ao 20 de novembro-, que contará cun obradoiro de envoltorio de agasallos impartido Isabel Martínez o sábado 19 entre as 16 e as 20:00h. A actividade é para un grupo máximo de 10 persoas de 16 anos en diante. Para anotarse hai que chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Xuntanza do IV PIOMH
Noutra orde de cousas, desde a Concellaría de Igualdade convócase ás entidades do municipio á segunda mesa de traballo preparatoria do que será o cuarto Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño. O encontro terá lugar no salón de plenos municipal este venres 21 de outubro con dous posibles horarios -de 10 a 11:30h ou de 18:00 a 19:30h- co obxectivo de facilitar a asistencia. Os colectivos participantes deberán comunicar antes deste mércores a súa participación e o horario elixido a través dos teléfonos 981 490 027 ou 673903 922, ou ben do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal.

Este será un dos últimos encontros de traballo do VI PIOMH, que o Concello agarda poder presentar no mes de novembro.

Share.