Móllate polos Ríos pide persoas voluntarias para limpar un tramo do Xubia este domingo

0

O Concello de San Sadurniño volve apoiar a xornada de limpeza simultánea de ríos organizada por ADEGA, que sempre se desenvolve en distintos puntos de Galicia o derradeiro domingo de setembro. Así, este 29 levarase a cabo a retirada de lixo no tramo urbano do Xubia. O punto de encontro é a explanada do Mesón A Granxa (10:00h) e para participar nesta actividade de coidado e concienciación ambiental fai falla inscrición previa a través deste formulario en liña publicado en Google Forms. Tamén se pode chamar ao 695 876 068. En ambos casos a data límite para anotarse é o xoves antes das 12:00h.

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende precisamente iso, facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente.

Esta iniciativa arrancou en 2007 e desde aquela desenvólvese sempre o último domingo de setembro -neste caso o 29 de setembro- e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. A presente edición abranguerá ríos de 56 concellos das catro provincias e hai confirmada a participación de 70 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos.

San Sadurniño é un dos habituais na cita desde os seus comezos e nesta edición volverase repasar un tramo do Xubia ao seu paso polo noso concello. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- comezará ás 10:00h na explanada do Mesón a Granxa e continuará río abaixo por ambas beiras ata a presa do Muíño de Mera (o Muíño do Pepe), facendo un descanso para repoñer forzas a iso das 11:30h.

Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove- e botas de goma de cana alta.  Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.

A área municipal de Axenda 2030 conducirá toda a actividade e irá dando sobre a marcha estas e outras recomendacións, ademais de mobilizar o furgón municipal para cargar o lixo que se retire e de proporcionaralles luvas ás persoas participantes. O Concello tamén se ocupará de que haxa augas e bocadillos para o descanso de media mañá e uns petiscos para pechar a xornada de limpeza a iso das 14:00h.

Para sumarse a esta XVII Limpeza simultánea “Móllate polos ríos” é necesario apuntarse antes das 12:00h deste xoves no formulario en liña publicado en Google Forms ou chamando ao móbil 695 876 068 do Axente de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín. Desde o Concello recoméndase participar na actividade en familia por tres razóns principais: polo seu cometido educativo e de sensibilización, por tratarse dunha proposta ao aire libre e nun espazo de alto valor ambiental e porque a zona que se percorrerá tamén é un dos lugares máis fermosos de San Sadurniño.

Augas de Galicia retirará maleza do cauce nas próximas semanas
A convocatoria dunha nova edición da xornada de limpeza simultánea de ríos coincide no tempo coa comunicación trasladada ao Concello por Augas de Galicia sobre os labores que vai acometer no cauce do Xubia durante as próximas semanas, encadrados no mantemento do dominio público hidráulico.

E é que o organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente xa iniciou uns traballos que abranguerán 14 quilómetros de río e que se desenvolverán en dúas fases: a primeira no leito compartido por Moeche e San Sadurniño e a segunda no curso baixo do río que discorre polos concellos de Narón e Neda.

No caso de San Sadurniño os labores efectuaranse no tramo da parroquia de Lamas e, igual que nos outros puntos onde se vai actuar, o traballo consistirá na retirada de biomasa e árbores caídas “posibilitando así a circulación fluída das súas augas”, informa Augas de Galicia. O ente autónomo calcula que a intervención se prolongará durante 14 semanas.

Share.