Moeche e San Sadurniño poñen bus para acudir o domingo á manifestación de SOS Sanidade pública

0

A Alameda de Santiago de Compostela será este domingo 12 de febreiro punto de arranque da manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade pública para demandar  investimentos e planificación que garantan servizos asistenciais á saúde de calidade. Unha esixencia recollida na Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada onte no Parlamento de Galicia co aval de máis de 50.000 sinaturas que busca reforzar o sistema de saúde público, sobre todo na Atención primaria. Agárdase que a convocatoria sexa multitudinaria e, de cara a facilitar a máxima participación na mobilización, un bo número de concellos e entidades de toda Galicia adheridos ás demandas da plataforma porán autobuses gratuítos para o traslado de ida e volta a Compostela. No caso de Moeche e San Sadurniño, o domingo ás 10:15 sairá un autocar de diante do Concello de Moeche que parará sobre as 10:30h na rotonda do Outeiro para despois emprender camiño a Santiago. O regreso farase tan pronto como remate a manifestación.

A convocatoria da manifestación deste domingo, que sairá ás 12:00h da Alameda compostelana con destino á Praza da Quintana, culminará a campaña de recollida de sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular coa que se pretende forzar a aprobación no Parlamento de Galicia dunha lei que blinde a Atención primaria, no sentido de garantir financiamento suficiente -nos últimos anos o orzamento dedicado ao SERGAS diminuíu en 140 millóns de euros- e un modelo que asegure unha atención personalizada e sen longas listas de espera, ademais de facilitarlles ás profesionais da saúde medios e condicións axeitadas para que poidan ofrecer o servizo de calidade que precisan as persoas usuarias.

Máis en detalle, a ILP quere chamar a atención e poñer en marcha unha serie de medidas para revitalizar e fortalecer a atención básica, cuxo progresivo deterioramento se viu agravado pola situación de pandemia. Entre as cuestións que recolle a iniciativa lexislativa están as seguintes:

  • que sexan as usuarias e usuarios quen decidan se queren recibir unha atención presencial ou telemática
  • que cando se chame ao Centro de Saúde ou a calquera outro servizo asistencial sexa sempre unha persoa quen colla o teléfono e non unha máquina
  • que haxa cadros de persoal adecuados ás necesidades da poboación
  • limitar o número de consultas diarias para permitir un tempo de atención axeitado ás necesidades das e dos pacientes
  • estabilidade laboral e condicións adecuadas para evitar que os profesionais da saúde marchen ao estranxeiro ou á privada, ademais da convocatoria de prazas suficientes para cubrir vacantes, baixas e xubilacións
  • a redución das listas de espera para probas diagnósticas e consultas hospitalarias
  • que as persoas que non desexen ser derivadas a centros privados non perdan o seu posto no rexistro da lista de espera
  • unha Atención primaria que teña autonomía para xestionarse, sen depender na toma de decisións  dun hospital de cabeceira
  • que se garanta a accesibilidade sanitaria en condicións de equidade, independentemente do lugar onde se viva, xa que no medio rural -como é o noso caso- hai maior dificultade que en vilas e cidades para acceder a este servizo básico, co engadido de que tamén é no rural onde hai unha poboación máis avellentada

A Iniciativa Lexislativa Popular reuniu máis de 50.000 sinaturas de apoio, presentadas onte no rexistro do Parlamento de Galicia. Tal e como lle declarou a Europa Press Manuel Martín, un dos representantes da plataforma SOS Sanidade Pública, “é a iniciativa lexislativa con maior respaldo da historia da democracia galega. Cremos que reflexa o clamor da comunidade, da poboación galega en contra da situación tan terrible que temos na atención primaria, que está en risco de desmantelamento e, a medio prazo, de privatización se non lle poñemos remedio a esta situación”.

SOS Sanidade Pública rexistrou nos concellos e nas deputacións a solicitude de apoio tanto para a ILP como para a manifestación deste domingo ás 12:00h en Santiago. Neste sentido, os concellos de Moeche e San Sadurniño fletarán un autobús que sairá de diante da casa consistorial de San Ramón ás 10:15h e que fará unha parada ás 10:30h na rotonda do Outeiro -diante do Concello de San Sadurniño-, co obxectivo de chegar á Alameda uns minutos antes da saída da marcha. O transporte regresará de Compostela tan pronto como remate a manifestación.

Share.