A páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño non é accesible desde media tarde deste xoves. Xa se deron os pasos necesarios para que volva ser pública e nestes momentos agárdase a que Meta dea unha resposta á petición, que podería demorarse dous ou máis días. Mentres, recordamos que o medio de referencia da información municipal é a web www.sansadurnino.gal e que seguen funcionando con normalidade os perfís en Instagram e X -@concellosansa nas dúas redes-, a canle en Whatsapp e tamén as axendas de Google Calendar, onde se encontran os eventos previstos para as próximas semanas.
A suspensión da páxina obedece á súa vez á suspensión dun dos tres perfís persoais desde os que se administra o sitio Concello de San Sadurniño. De feito, a suspensión desa única conta impide que as outras dúas teñan acceso ao Facebook municipal e incluso que poidan ver o seu contido, aínda que sexa de maneira privada.
O primeiro paso que se deu foi o traslado a Facebook dunha solicitude de verificación de identidade para retomar o control sobre a conta persoal suspendida. Se a petición é aceptada, o seguinte paso será analizar os motivos da suspensión -sempre e cando Facebook achegue esa información- e reclamar a restitución do perfil, confiando en que con el tamén se reactiven as páxinas asociadas, entre elas Concello de San Sadurniño.
Se ben para as verificacións de identidade Facebook adoita tardar como máximo 48 horas, para a resolución de solicitudes de reactivación de contas e páxinas suspendidas non hai un prazo determinado, senón que dependerá dos recursos que dedique Meta -a matriz de Facebook- a analizar o caso e resolver ao respecto.
En calquera caso, desde o Concello pregamos escusas polos inconvenientes desta suspensión, agardando que o servizo a través de Facebook poida restablecerse e que sexa o antes posible.