Menos restricións, si, pero a precaución hai que seguir manténdoa

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu este mediodía para comentar os acordos adoptados no seo do Consello da Xunta. O máis destacado é o de levantar a situación de emerxencia sanitaria que levaba decrarada desde o 13 de marzo de 2020 para afrontar as accións de contención da pandemia. “Cremos que xa non é necesaria, algo que non quere dicir, nin moito menos, que non haxa que seguir vixiantes”. O levantamento da emerxencia sanitaria -avalada polo comité clínico que asesora ao Goberno galego- virá acompañado do alivio de todas as restricións en canto a cabidas da hostalaría e doutras actividades. Así, desde a medianoite deste venres para sábado, volverán poder ocuparse o 100% dos establecementos hostaleiros -restaurantes, bares e cafetarías-, que tamén amplían o seu horario de peche nas fins de semana até a 01:30h. Iso si, seguirá sendo obrigatorio o uso da máscara, así como a distancia interpersoal.

Rueda especificou que o levantamento da emerxencia sanitaria tampouco significa que Galicia quede sen ferramentas no caso de que sexa necesario actuar. “Galicia conta agora cunha lei específica para xestionar a pandemia que nos permite, en caso de empeoramento ou dun novo gromo, tomar decisións coas máximas garantías de eficacia e tamén de seguridade xurídica”, dixo o vicepresidente.

A maiores da fin da emerxencia sanitaria, o comité clínico abordou na súa reunión de onte o incremento dos aforos até o 100% en practicamente todos os ámbitos, tanto no interior como no exterior. No referido  aos horarios, a Xunta avanzou que os venres e sábados a hostalaría poderá abrir  ata as 01:30 horas, mentres que os restantes días a limitación seguirá fixada na unha da madrugada.

O vicepresidente non precisou durante a súa intervención se haberá posibilidade de consumir en barra,  algo que seguramente quede aclarado no momento en que se publique o correspondente decreto no Diario Oficial de Galicia, con toda probabilidade entre hoxe e mañá.

Rueda de Valenzuela engadiu que o sector hostaleiro seguirá mantendo as “cunchiñas” do Plan da Hostalaría Segura de Galicia, pero só con carácter informativo: “xa non vai ser obrigatorio nin condicionante para manter o aforo do 100%”, asegurou.

Polo que respecta ao lecer nocturno, nas noites do venres e o sábado, os locais poderán estar abertos ata as 4:30 horas e os restantes días da semana ata as 4:00h. Así mesmo, no caso das discotecas e salas de festa, o seu horario de apertura estenderase ata as 5  da mañá todos os días da semana. Cómpre ter en conta, porén, que en todo caso será necesario acreditar a vacinación para poder acceder aos locais, sempre e cando o avale o TSXG.

Rueda tamén explicou que se levantan as medidas excepcionais que aínda se mantiñan en vigor nas residencias sociosanitarias. Deste xeito, todas as persoas residentes poderán saír como facían antes da pandemia e tamén se recuperan as visitas, gardando coma sempre as precaucións e tamén a cita previa. A maiores seguirase cos cribados periódicos entre o persoal que traballa nestes centros.

No eido deportivo continuará limitada ao 80% a capacidade das actividades que se desenvolvan en recintos pechados, ao tratarse, segundo o conselleiro, “dunha directriz estatal”.

O responsable autonómico recordou que será necesario manter as máscaras en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de metro e medio. Alfonso Rueda sinalou, por último, que non está previsto que se manteña a periodicidade semanal do comité clínico, aínda que seguirá activo o subcomité para avaliar a situación e poder seguir asesorando na toma de decisións.

 

 

Share.