Medio cento de inscricións (por agora) na ruta ciclista en familia deste domingo

0

47 persoas apuntadas entre adultas e menores. Esa é a cifra provisional de partipantes no paseo en bicicleta organizado polo Concello para a mañá deste domingo con saída e chegada no patio do CPI. Dicimos provisional porque desde hoxe até pasado mañá aínda poderán enviarse cubertas as fichas de inscrición, e incluso cubrilas no punto de saída ata minutos antes do inicio dunha rolda de baixa dificultade e con vocación familiar que nos levará polos arredores do núcleo de San Sadurniño. Por razóns loxísticas, a ruta está limitada a un máximo de 75 persoas, que ademais estarán cubertas por un seguro e disporán de avituallamento a medio camiño.

A Ruta Cicloturística en Familia é, xunto coas camiñadas parroquiais, un clásico na programación deportiva municipal que adoita celebrarse cando a primavera xa está ben entrada e o tempo anima a facer exercicio no exterior.

O percorrido en bicicleta discorrerá por 14 quilómetros de pistas e estradas de baixa dificultade dos arredores do centro urbano e Pedroso. Sairase ás 11:00h do CPI de San Sadurniño e logo continuarase por Marqués de Figueroa en dirección á Capela de Belén, torcendo logo á esquerda para coller a pista da Agra de Abaixo e desde alí proseguir até a estrada de Pedroso.

Logo duns metros pola xeral, a caravana ciclista desviarase á esquerda de novo e collerá pistas da parcelaria e sendeiros que a levarán até a capela da O, lugar no que haberá un punto de avituallamento con auga, froita e barriñas enerxéticas.

Tras repoñer forzas, a ruta emprenderá o camiño de volta que, unha vez en San Sadurniño, discorrerá pola Cortiña, o paseo fluvial e, de novo, a explanada dianteira do colexio público, onde as nenas e nenos recibirán un pequeno agasallo.

Para esta actividade, organizada en colaboración co Club Biela e Chaveta, ofertáronse 75 prazas das cales xa van cubertas cerca de medio cento. Até o domingo aínda se recollen inscricións por orde de chegada, enviando esta ficha ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. As familias tamén poderán apuntarse no lugar da saída ata uns minutos antes do comezo da ruta, aberta a persoas adultas e cativería a partir dos 6 anos. É obrigatorio o uso de casco.

 

Share.