Os contaxios de coronavirus en Galicia sobrepasaron xa o máximo do mes de abril. Desde a pasada medianoite están en vigor novas restricións que se deben observar con total dilixencia se queremos frear o avance da pandemia que, non nos enganemos, en San Sadurniño tamén está medrando. Aí vai unha cifra para facérmonos unha idea: o martes pola mañá había 6 casos confirmados -segundo o dato facilitado pola Xerencia da Área Sanitaria- e hoxe o mapa publicado polo SERGAS indica que xa son 13. Por iso repetimos e insistimos no que piden as autoridades sanitarias e o sentido común: temos que limitar os desprazamentos ao mínimo imprescindible, non reunirnos máis de 4 persoas que non vivamos xuntas -tampouco nas casas- e seguir aplicando todas as medidas de protección comunitaria, como son o uso da mascarilla, a hixiene de mans e non sobrepasar nunca a separación mínima de 1,5 metros. Se se teñen síntomas hai que chamar ao 900 400 116 e en ningún caso facer vida social se se tivo contacto estreito con persoas positivas. Na web do coronavirus.sergas.gal están resumidas as restricións en vigor para o noso concello, situado desde onte á noite en nivel medio-alto.
- Durante o periodo comprendido entre as 22:00 e as 6:00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades:
- Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.
- Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
- Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
- Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
- Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.
- Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
- Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
- Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
- Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.
RESTRICIÓNS ÁS AGRUPACIÓNS DE PERSOAS
- Limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.
LIMITACIÓN DA ENTRADA E SAIDA DE PERSOAS
- Entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 1 de febreiro de 2021 ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos adecuadamente xustificados.
- Para limitacións de mobilidade débese ter en conta que Narón, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ortigueira teñen peches perimetrais, de maneira que non se pode entrar nin saír neles. As restricións perimetrais de todos os municipios de Galicia poden consultarse nesta ligazón.
- As excepcións das limitacións de mobilidade contémplanse no número 3 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.
VIDA SOCIAL E COMUNITARIA
- Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civis: cun máximo de 50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre.
- Lugares de culto: 1/3 da súa capacidade máxima permitida.
- Velorios: 10 persoas en espazos pechados e 25 en espazos abertos sexan ou non conviventes.
- Enterramento ou despedida para a cremación: 25 persoas entre familiares e achegados sexan ou non conviventes.
- Bibliotecas, arquivos, museos: 50% da súa capacidade máxima permitida. As actividades culturais de grupo: Máximo 4 persoas sexan ou non conviventes excluido o monitor ou guía.
- Cines, teatros e auditorios: Sentados: calculando 1,5 metros nas 4 direccións entre os asistentes cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre.
- Centros recreativos turísticos ou similares: 50% do aforo. As visitas de grupos serán dun máximo de 4 persoas, sexan ou non conviventes.
- Centros cívicos e sociais:
- Límite capacidade total: 50%
- Actividades socioculturales grupais: Máximo 4 persoas, sexan ou non conviventes,excluido o monitor ou guía
ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE DIRIXIDAS Á POBOACIÓN INFANTIL E XUVENIL
- Ao aire libre: o limite de participantes ao 50% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 50 participantes, excluidos os monitores.
- Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 50% da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 25 participantes, excluidos os monitores.
- As actividades deberán realizarse en grupos de ata 4 persoas participantes, sexan ou non conviventes excluidos os monitores .
ESTABLECEMENTOS DE HOSTALARÍA E RESTAURACIÓN
- No interior: 30% do aforo. Non está permitido o consumo na barra.
- Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 50% das mesas.
- A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.
- Horario do peche ao público: 18:00 horas (Orde do DOG núm. 260-Bis do 29 de decembro do 2020)
ESTABLECEMENTOS DE ALOXAMENTO TURISTICO E ALBERGUES
- Zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos: 50% da súa capacidade.
- Actividades de animación ou clases grupais: Máximo 4 persoas sexan ou non conviventes excluidos os monitores .
COMERCIO, CENTROS COMERCIAIS E MERCADOS AO AIRE LIBRE
- Locais e establecementos, independentemente da súa superficie: Límite do aforo 50% de capacidade.
- Centros e parques comerciais: No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares: Límite do aforo 30% de capacidade en cada un deles.
- Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos.
- A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30%.
- Zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso deben permanecer pechadas.
- Mercados ao aire libre: 50 % dos postos habituais ou autorizados.
- Os establecementos comerciais deberán pechar ao público ás 21:30 horas.
ACTIVIDADES DEPORTIVAS NON FEDERADAS
- Instalacións deportivas ao aire libre: individual e colectiva, sen contacto físico, e como máximo de 4 persoas de forma simultánea, sen contar o monitor.
- Instalacións deportivas cubertas: grupos de ata 4 persoas sexan ou non conviventes sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida.
CELEBRACIÓN DE EVENTOS DEPORTIVOS, ADESTRAMENTOS E DE COMPETICIÓNS DEPORTIVAS CON PÚBLICO
- O público sempre debe permanecer sentado tanto nas instalacións deportivas como na vía pública.
- Límite de 250 persoas para lugares pechados e de 500 se se trata de actividades ao aire libre.
ACADEMIAS, AUTOESCOLAS E CENTROS PRIVADOS DE ENSINO NON REGRADO E CENTROS DE FORMACIÓN E ACTIVIDADE FORMATIVA XESTIONADA OU FINANCIADA POLA ADMON. AUTONÓMICA
- A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do 50% respecto do máximo permitido.
FESTAS, VERBENAS, OUTROS EVENTOS POPULARES E ATRACCIÓNS DE FEIRAS
- Peche das actividades.
MANTEMENTO DE HORTAS, VIDES E COIDADOS DE ANIMAIS
- Permítense os desprazamentos entre concellos a aquelas persoas que teñan cultivos, vides. ou precisen atender animais, respectando en todo ocaso a distancia de seguridade e os protocolos de prevención establecidos.