Martes 14 de decembro: xuntanza informativa sobre o Alzhéimer e outras demencias

0

O Concello e AFAL Ferrolterra convocan para o próximo martes 14 de decembro ás 17:00h unha xuntanza informativa para falar do Alzhéimer e doutras demencias. O encontro diríxese principalmente a familiares de persoas que mostren un cadro coincidente co da enfermidade ou sinais relacionados cun deterioramento cognitivo, como por exemplo esquecementos frecuentes, imposibilidade de recordar nomes de cousas ou persoas, desorientacións, etc. Na reunión darase unha visión xeral sobre a enfermidade e, máis que nada, sobre os obradoiros terapéuticos e os servizos de apoio ás familias que ofrece AFAL Ferrolterra, co obxectivo de poñelos en marcha en San Sadurniño a partir do mes de xaneiro ou febreiro.  O Concello fai un chamamento á máxima participación nesta xuntanza, ademais de solicitar que as persoas interesadas se anoten o antes posible no 981 490 027 ext. 1 ou a través do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal.   As razóns de insistir tanto neste chamamento son varias, empezando pola necesidade de que todas e todos saibamos máis sobre un problema de saúde con grandes implicacións sociais que igual non nos toca de preto hoxe pero que, se cadra, si deberemos afrontar o día de mañá. Ademais, a reunión tamén ten a finalidade de coñecer a demanda real de servizos asistenciais  que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias. 

O Alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa sen cura que vai cursando pouco a pouco e que, a medida que avanza, vai facendo desaparecer todas as capacidades e a autonomía persoal -o recordo, a fala, a coordinación, a mobilidade…- ata desembocar nunha fin inevitable, unhas veces por causa directa da enfermidade e outras por mor de problemas asociados a ela.

A pesar de que se leva investigado moito, o Alzhéimer segue sendo un grande descoñecido para a ciencia médica. Sábese pouco aínda sobre que factor ou factores desencadean a enfermidade, existen medicamentos que a ralentizan pero que non logran revertela e, ademais, o seu diagnóstico clínico require de múltiples probas que poden non ser concluíntes, polo menos nas fases iniciais. É máis, o que empeza notándose en forma de pequenas perdas de memoria adoita ir agravándose até unha incapacidade total que en moitos casos se atende na casa, de portas para dentro, e sen axuda externa de ningún tipo.

Ademais, os coidados da persoa doente nas distintas fases polas que pasa -leve, moderada e grave- case sempre recaen en mulleres, familiares directas ou non, que se ven superadas e absorbidas por unha situación sobrevida que tamén acaba pasándolle factura á súa saúde, á súa autoestima e ao seu futuro. Para iso hai un nome: síndrome da persoa coidadora, que tamén é un grave problema social e de saúde que require atención e apoio especializado.

En relación coa falla de diagnóstico -certamente difícil de obter na Sanidade Pública- cómpre sinalar que se non existe certificación médica sobre o Alzhéimer, tampouco hai posibilidade de acceso a recursos  públicos de asistencia, fundamentais a partes iguais para as persoas enfermas e para quen conviven con elas.

Estas son algunhas das cuestións sobre as que se falará na xuntanza organizada polo Concello e Afal Ferrolterra para o próximo martes 14 de decembro ás 17:00h. no local social de Lamas. Persoal especializado da asociación ampliaranos información sobre o Alzhéimer -insistimos, unha enfermidade moi descoñecida  e incurable que, ademais, segue tendo unha percepción social negativa- e explicaranos de que maneira pode axudarnos esta entidade que leva máis de 20 anos desenvolvendo obradoiros de estimulación cognitiva e brindándolle apoio ás familias.

O labor de AFAL Ferrolterra céntrase en retardar no posible o avance da doenza  por medio de técnicas adaptadas a cada fase que conseguen activar, estimular e adestrar as capacidades e funcións cognitivas que aínda se conserven, tendo en conta sempre -repetimos-  que polo momento non hai cura para o Alzhéimer, aínda que si tratamentos farmacolóxicos que, combinados coa terapia, minoran os seus efectos.

Os obradoiros que desenvolve o equipo multidisciplinar de Afal inciden na detección precoz do Alzhéimer ou outras demencias xa que, tamén hai que deixalo claro, non todos os problemas de memoria son debidos a esta enfermidade. A partir de aí trabállase dunha maneira atraente e gratificante para quen participa neles, posto que a estimulación se consegue con xogos, manualidades, novas tecnoloxías, música, etc.

Alén de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade de Alzhéimer -non debemos chamarlle “mal” de Alzhéimer, senón normalizar o que é, unha enfermidade-, Afal Ferrolterra tamén ten como prioridade mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras e familiares. Ofrecen un completo  asesoramento social para acceder a servizos e prestacións, tamén dispoñen de asesoramento xurídico, brindan apoio psicolóxico para xestionar a nova situación e tamén facilitan formación para aprender a coidar e saber coidarse.

Resumindo, ¿a quen vai dirixida a charla do día 14 en Lamas e por que é tan importante asistir?
Ao encontro que se vai celebrar no local social de Lamas pode acudir quen queira -fai falla anotarse antes no 981 490 027 ext.1 ou en pilar.calvo@sansadurnino.gal-, pero a xuntanza está dirixida principalmente a familiares e persoas coidadoras, dado que case sempre é o entorno quen antes se decatan dun deterioramento cognitivo incipiente do cal a persoa afectada non é consciente ou non quere recoñecer, aínda que non necesariamente teña por que tratarse dun proceso de Alzhéimer.

Neste sentido, tanto AFAL Ferrolterra como o Concello de San Sadurniño queren detectar a demanda real que existiría dun servizo asistencial deste tipo -ao non haber diagnósticos, tampouco hai censos precisos de cantas persoas o necesitarían- de cara a planificar e iniciar xa en xaneiro, ou como moito en febreiro, os obradoiros terapéuticos de estimulación cognitiva e detección precoz de demencias.

A eles poderán asistir tanto persoas que teñan algún síntoma como aqueloutras que só queiran socializar, pasar un tempo ben entretido e manter a cabeza en forma participando nos talleres. De feito, algúns problemas que se asocian co deterioramento cognitivo son, en realidade, produto da soidade e da falla de interacción e comunicación con outras persoas. Parolar, facer manualidades, xogar e, en definitiva, estar no medio da xente, é máis que suficiente para mellorar considerablemente (sempre e cando non exista un proceso físico subxacente de deterioramento das funcións cognitivas).

Por último, á xuntanza informativa  do día 14 tamén é importante acudir porque nela avanzarase o proxecto que vai promover o Concello de San Sadurniño para converter a antiga escola de Igrexafeita en centro de referencia comarcal para acoller estes obradoiros terapéuticos e os servizos de apoio ás familias.

 

 

Share.