O departamento municipal de Igualdade publicou este mércores 25 de xuño no tablón de anuncios do Concello a resolución da alcaldía co listado definitivo de nenas e nenos admitidos na Aldea de Verán 2025, que comeza o próximo 1 de xullo. Na relación figuran todas as solicitudes admitidas para a primeira quenda -a de xullo- e tamén aquelas presentadas para a segunda, a de agosto, que tamén foron admitidas na súa totalidade.
As familias teñen tres días hábiles para efectuar o pagamento do servizo, segundo os horarios de entrada, o número de irmáns/ás que asistirán e os descontos que sexan de aplicación.
Horario de 8:00 a 15:00h | Horario de 9:00 a 15:00h | |
---|---|---|
1º membro da familia | 110 € / 99 €* | 80 € / 72 €* |
2º membro da familia | 75 € / 68 €* | 50 € / 45 €* |
3º membro da familia | 45 € / 41 €* | 30 € / 27€* |
(*) Prezo con bonificación, previa solicitude e sempre que se cumpran os requisitos.
O Concello recibiu un total de 41 solicitudes, moitas delas dobres (para xullo e agosto): 26 correspondentes a rapazada empadroada en San Sadurniño, outras 6 pertencentes a familias con vinculación laboral no noso concello, 5 máis de crianzas matriculadas no CPI e 4 peticións sen ningún tipo de vencello con San Sadurniño.
Así as cousas, para a quenda de xullo foron admitidas 37 nenas e nenos. Porén, unha renuncia rexistrada no prazo de alegacións deixa o total en 36. Na quenda de agosto preadmitíronse 22, de modo que para ese segundo mes do campamento de verán quedarían aínda dispoñibles 13 vacantes. Eses sitios libres na quenda de agosto poderán solicitarse entre as 09:00h do día 30 de xuño e as 14:00h do 11 de xullo, ben presencialmente ou ben a través da Sede Electrónica Municipal, onde figura o procedemento específico que estará activo durante ese período.
As familias están convocadas a unha xuntanza informativa que terá lugar este xoves 26 de xuño ás 18:00h na Casa da Xuventude, coa finalidade de explicar o contido e o funcionamento do programa de conciliación.
A Aldea de Verán estará xestionada este ano por LaGuaGua Servicios Socioculturales S.L., quen se impuxo no procedemento de licitación a outras tres empresas do sector. A firma ferrolá presentou a segunda mellor oferta económica -16.387,80 €- e a súa proposta técnica obtivo a máxima puntuación das catro ofertas recibidas.
Documentación descargable:
Listado de admisións definitivo xullo e preadmisións agosto
Información xeral
Folla de inscrición
Autorización de representación