Liñas de axuda publicadas no DOG e no BOE nos últimos días

0

Os diarios oficiais están publicando nos últimos días unha chea de convocatorias centradas na súa maioría nas axudas para compensar os efectos da crise sanitaria sobre a economía das pemes, das persoas autónomas e das familias. O departamento de Desenvolvemento local revisa os boletíns todos os días e fai unha escolma das máis interesantes, resumindo a súa finalidade e máilos prazos de presentación da documentación. Ademais tamén as envía ao correo da súa lista de subscrición todas estas novidades, de maneira que nos aforra ter que andar buscando a normativa que vaia saíndo. Quen queira recibir as notificacións só ten que enviar un correo a desenvolvemento.local@sansadurnino.gal. 

  • DOG núm. 106, do 02/06/2020. Bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona). Obxecto: acceso a servizos especializados de asesoramento empresarial para a mellora do negocio. Persoas beneficiarias: empresas. Prazos de solicitude: existen varios prazos ao longo de 2020.
  • DOG núm. 118, do 17/06/2020. Bases reguladoras do Programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas. Obxecto: incentivos aos contratos de remuda, para favorecer a substitución do persoal das empresas que se xubile. Prazos de cobertura: dende o 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2020.
  • BOE nº 169, do 17/06/2020. Real Decreto 569/2020, polo que se regula o programa de incentivos á mobilidade eficiente e sostible (Programa MOVES II). Obxectivo: axudas para a adquisición de coches eléctricos ou híbridos ou camións propulsados a gas. Solicitudes: a xestión será feita directamente polos concesionarios.
  • DOG núm. 119, do 18/06/2020. Bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19 (Cheques Dixitalización COVID-19). Obxecto: axudas para a dixitalización das empresas (control de presenza, cámaras, xestión de pedidos, mensaxería electrónica, teletraballo, ciberseguridade). Beneficiarios: pequenas empresas e entidades. Prazo de solicitude: ata o 30 de setembro de 2020 ou esgotamento do crédito.
  • DOG núm. 120, do 19/06/2020. Bases reguladoras das axudas aos proxectos dos comercios retallistas galegos para contribuír á reactivación do comercio galego garantindo a seguridade laboral e a xeración de confianza no consumidor. Obxecto: actuacións derivadas do informe de autodiagnóstico efectuado coa ferramenta ComercioSeguroGalicia, para implantar medidas de protección do persoal e a clientela (pantallas, adhesivos e cintas, control de aforo, termómetros …), adaptación do establecemento (portas automáticas, sensores de luz …), adquisición de equipos de protección (máscaras, luvas …), equipamentos de desinfección, servizos de limpeza, equipamento de ventilación, ou cartelería. Beneficiarios: pequenas empresas. Prazo de solicitude: 31/07/2020
  • DOG núm. 129, do 01/07/2020. Bases reguladoras das axudas destinadas ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada. Obxecto: complementos económicos para persoas e empresas en situación de ERTE. Beneficiarios: persoas e empresas en situación de ERTE. Prazo de solicitude: 31/10/2020
  • DOG núm. 129, do 01/07/2020. Bases reguladoras de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para os anos 2020-2021. Obxecto: axudas para proxectos que empreguen biomasa como combustible ou que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica. Beneficiarios: empresas e Administracións. Prazo de solicitude: 01/08/2020.

Na xuntanza mantida hai uns días con varias empresas e persoas autónomas do municipio, unha das demandas que se expuxeron foi a de mediar coa Xunta e as operadoras de telecomunicacións para ampliar os servizos de banda larga a todos os núcleos do concello. Neste sentido, o pasado 23 de xuño remitíuselle unha carta á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galica -a AMTEGA- apoiando esta petición e solicitando información sobre cales serán as entidades de poboación nas que se vai instalar fibra óptica -ou achegarlles banda larga por outros medios- así como o cronograma previsto para acometer esas infraestruturas.

Share.