A protección da vista foi a mensaxe principal da charla que o físico, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e divulgador científico Jorge Mira Pérez ofreceu este martes na Casa da Cultura sobre a eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto. Cun auditorio cheo, o investigador explicou por que este fenómeno será un acontecemento absolutamente excepcional, como poderá observarse desde San Sadurniño e cales son as precaucións imprescindibles para gozalo con seguridade. A conferencia, presentada polo alcalde, Secundino García Casal, concentrou en algo máis de hora e media divulgación científica, historia da astronomía e recomendacións prácticas, incidindo nos riscos de mirar directamente ao Sol sen protección homologada, unha imprudencia que pode provocar lesións irreversibles na retina.
A expectación que esperta a eclipse quedou patente desde antes do comezo da conferencia, coa Casa da Cultura practicamente chea para escoitar a un dos divulgadores científicos máis recoñecidos e recoñecibles de Galicia. Jorge Mira foi debullando as claves dun fenómeno que definiu como “algo que ocorre unha vez na vida”. “É a primeira eclipse total que vai haber en Europa no século XXI e en Galicia non imos ter outra até o 2180. Así que cadaquén saque as súas propias conclusións”, comentou ao remate do encontro.
Durante a charla explicou tamén que as eclipses foron decisivas para o avance do coñecemento científico xa desde a Grecia clásica. Grazas á súa observación puidéronse calcular as dimensións da Terra, estimar as distancias que nos separan da Lúa e do Sol e comprender mellor os cambios que se producen no firmamento. Mais, alén da súa importancia científica, o físico lembrou que a experiencia visual resulta difícil de describir. “Imos ver como, de repente, o día vai facerse noite. O disco da Lúa vai tapar completamente o Sol. Miraremos cara arriba e veremos unha bóla negra cunha especie de aura brillante. Unha eclipse total de Sol é un acontecemento moi espectacular que deu lugar a moitos avances na ciencia, a moitos estudos e, sobre todo, a moita fascinación en todas as épocas da historia”.
San Sadurniño será, ademais, un dos mellores lugares para contemplar a totalidade da eclipse. Mentres noutros puntos de Galicia apenas durará uns segundos ou mesmo será parcial, no noso municipio o fenómeno prolongarase durante aproximadamente un minuto e corenta segundos. “Estades moi ben colocados porque aquí vai ter da orde de 1 minuto e 40 segundos de duración, que é moito tempo, e ademais estades relativamente lonxe da costa e ides evitar certos problemas que poida haber por causa das néboas. A consigna para a xente de San Sadurniño é que non se mova do concello”.
Nese sentido, Mira advertiu de que Ferrolterra será un dos principais destinos para milleiros de persoas que quererán contemplar a eclipse, polo que prevé importantes problemas de mobilidade durante esa tarde. “Os de San Sadurniño, quedade aquí porque vos vai pasar o eclipse por riba da casa. Non tedes falta de movervos”, resumiu con humor, despois de bromear durante a conferencia cos desprazamentos de moitos “fodechinchos” cara ao norte de Galicia, anticipando que a AP-9 e outras vías de comunicación poderían colapsarse e que é moi posible que a raíz do evento astronómico se produzan accidentes.
A protección da vista é o máis importante
Con todo, o aspecto no que máis insistiu, tanto durante a charla como na entrevista posterior, foi na protección da vista. “A consigna principal é que o Sol non se pode mirar directamente. Só se pode mirar con filtros homologados e aínda así non demasiado tempo, porque se non facemos iso corremos o risco de danar a retina para sempre”. O investigador advertiu de que estas lesións non adoitan notarse de inmediato. “A vista quedaríanos cun punto negro no centro para o resto da nosa vida. Son lesións irreversibles. Non compensa facer a mona uns minutos e quedar mal da vista para toda a vida”.
Como exemplo do perigo real, lembrou os datos rexistrados nos Estados Unidos tras eclipses anteriores, cando os servizos de Oftalmoloxía recibiron un importante incremento de pacientes con lesións na retina un ou dous días despois do fenómeno. Segundo explicou, durante a eclipse o Sol estará baixo sobre o horizonte e a sensación de menor luminosidade pode inducir a unha falsa confianza. Porén, a radiación segue sendo igual de perigosa. “Crávaseche na retina como un alfinete e sen avisar, porque a retina non doe nin avisa”, alertou.
Por iso, a única maneira segura de observar as fases parciais da eclipse será mediante filtros homologados específicos. “Vai haber gafas a varrer, porque todo o mundo vai regalalas”, dixo Mira, reiterando algo que Secundino García Casal tamén comentou despois, na quenda de preguntas, explicándolle ao auditorio que o Concello de San Sadurniño repartirá a partir do 6 de xullo en bares e establecementos públicos lotes gratuítos de lentes de protección coa conformidade europea CE e coa certificación EN ISO 12312-2:2015.
Con todo, e aínda estando deseñados para iso, o científico recomendou limitar o tempo de observación continua coas lentes postas. “Tampouco debemos botar máis de trinta segundos mirando polo filtro. Con mirar dez segundiños como está o disco e despois apartar a vista xa está, vas ter tempo de sobras para velo”. Tamén descartou completamente os métodos tradicionais como radiografías ou pantallas de soldar. “Nada, ningún método é válido, só serven os filtros homologados. Hai que aproveitar a experiencia e non facer o parvo”.
No caso da rapazada, Mira recomendou extremar a vixilancia e, sempre que sexa posible, optar por sistemas de observación indirecta, como os visores construídos cunha caixa de cartón, papel de aluminio e un pequeno orificio, evitando en todo momento que miren directamente ao Sol sen a protección adecuada.
Ollo ao tempo
A charla de Jorge Mira Pérez foi seguida dunha animada quenda de preguntas formuladas polo público, abondando sobre a seguridade e sobre as condicións axeitadas para ver a eclipse total, que, recordemos de novo, vai producirse o mércores 12 de agosto entre as 19:30 e as 21:21h, aínda que o momento da totalidade durará pouco máis de minuto e medio, entre as 20:27 e as 20:28h.
Jorge Mira recomendou planificar a observación un ou dous días antes comprobando a posición do Sol a esa mesma hora desde o punto que elixamos para vela, “para asegurarnos de que non temos diante montañas, casas, eucaliptos ou calquera outro obstáculo”.
O científico tamén avanzou, porén, que as condicións climáticas poderían non ser as ideais, dado que nesa época do ano, segundo os mapas de radiación solar que manexa Meteogalicia, increméntase a probabilidade de nubes ou neboeiros persistentes -máis habituais nas zonas costeiras- que poderían mermar a festa astronómica. É algo co que debemos contar.
En Youtube
Dada a relevancia do poñente e do contido, o Concello gravou integramente a charla sobre a eclipse solar. Nestes días estará dispoñible na canle de Youtube do Concello de San Sadurniño e tamén se compartirá nas redes sociais municipais. Ademais, o vídeo incrustarase no apartado sobre a Eclipse 2026 activado no micrositio de turismo da web municipal.