O Concello de San Sadurniño iniciará no serán deste martes as actividades co gallo do 25N, día en que se fai unha chamada de atención mundial sobre a necesidade de acabar dunha vez por todas e para sempre coas violencias exercidas sobre as mulleres e as nenas. O ciclo abrirao a proxección do filme “O corno”, dirixido por Jaione Camborda Coll, que obtivo o premio á mellor película na 71ª edición do Festival de San Sebastián. A directora asistirá ao pase -Casa da Cultura, 18:00h- e participará no coloquio posterior co público. A entrada é libre e ao remate serviranse uns petiscos no recibidor do centro cultural.
“O corno”, que chega a San Sadurniño por unha proposta do GDR Seitura 22, forma parte do catálogo de películas que este ano percorren todo o Estado dentro do VII Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Un ciclo que comprende 17 longametraxes e 6 curtas de autoría española, todas centradas no mundo rural, ademais doutras actividades complementarias.
No programa ministerial atopamos nomes de realizadoras galegas destacadas, como é o caso de Sonia Méndez ou Jaione Camborda, que en ambos casos participaron na primeira edición do Chanfaina lab, Méndez con “Café Bar Santos peluquería” e Camborda coa peza experimental “Proba de axilidade“.
Desde o ano 2015 en que se estrearon estas pezas, tanto unha coma a outra foron encadeando proxectos cada vez máis complexos e con maior repercusión dentro e fóra de Galicia.Tal é así que Jaione Camborda Coll conseguiu con “O corno”, a súa segunda longametraxe, a Cuncha de Ouro á mellor película no Festival de Cine de San Sebastián de 2023.
O filme está ambientado na Illa de Arousa a comezos da década dos 70. María, a protagonista, é unha mariscadora que asiste a outras mulleres no parto con especial dedicación e cariño. Porén, tras un terrible acontecemento, vese na obriga de converterse nunha fuxitiva. Trátase dun drama interpretado por Janet Novás no papel principal (premio Goya á mellor actriz revelación), ademais de Carla Rivas, Siobhan Fernándes e Diego Anido, entre outros nomes.
A proxección da película comezará ás 18:00h e non fai falla reservar entradas. Tan pronto remate iniciarase un pequeno coloquio coa directora vasca -aínda que afincada en Galicia desde hai anos- para falar do contido do filme, de cine feito por mulleres desde a perspectiva feminina e tamén do camiño que aínda queda por percorrer para erradicar as violencias e para conseguir unha igualdade de dereitos plena.
O domingo, obradoiro de defensa persoal
O pase deste martes encádrase no ciclo organizado polo Concello con motivo do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. A seguinte cita está programada para o próximo domingo, 17 de novembro, a partir das 10:00h, tamén na Casa da Cultura. Ese día desenvolverase un curso intensivo de defensa persoal feminina apoiado pola Consellaría de Política Social e Igualdade e a FEGAMP.
Na sesión, que durará até a tardiña con parada a mediodía para tomar uns petiscos, aprenderanse técnicas físicas e psicolóxicas que axuden a xestionar situacións de violencia ou potencialmente violentas. Trátase de proporcionarlles ás mulleres participantes “ferramentas coas que sentírmonos seguras e poder enfrontar diversos tipos de abusos e agresións machistas”, apuntan desde a área de Igualdade.
O curso estará dirixido polo coach deportivo e motivacional José Martínez e vai dirixido a mulleres e rapazas maiores de 16 anos. Fai falla inscrición previa -antes do 14 de novembro- a través do teléfono 695 876 178 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.